Skip to main content
Novas

O X Solidario axudará a case seis millóns de persoas en 2013

By 16 de Abril de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

xsolidario.jpg

Grazas á solidariedade das persoas contribuíntes que marcaron Fins Sociais na súa declaración da Renda, este 2013 case seis millóns de persoas en risco de exclusión social beneficiaranse dos programas financiados polo IRPF. Durante este ano poranse en marcha 1.103 proxectos sociais desenvolvidos por 425 ONG de Acción Social, ademais de centos de proxectos en países de África, América Latina e Asia realizados por ONG para o Desenvolvemento.

Representantes de Organizacións non Lucrativas Galegas presentamos a Campaña X SOLIDARIO que cada ano leva a cabo o sector social para concienciar ás persoas contribuíntes sobre a necesidade de marcar o cadro de Fins Sociais na declaración da renda e contribuír así co 0,7% da súa cota íntegra a programas dirixidos aos colectivos máis desfavorecidos.

No acto de presentación da Campaña X Solidario, coordinada polas principais plataformas galegas que representan ás ONGs, participaron Anxo Queiruga, Presidente do CERMI (Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade) Galicia, María Paz, Vicepresidenta da Coordinadora de ONGD, Carlos Rosón, Secretario da Rede contra a Pobreza, EAPN-Galicia, e dúas persoas que participan en programas financiados con cargo á asignación tributaria do IRPF. Unha delas foi Ana Belén García Iglesias, membro do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Feafes Galicia.

O ano pasado recadáronse en Galicia, a través do cadro para Fins Sociais, 14,1 millón de euros. Se todos os contribuíntes galegos marcaran o recadro de fins sociais destinados aos proxectos para as persoas máis desfavorecidas a cantidade final ascendería a 26 millóns de euros. Así se trasladou durante a presentación da campaña “X Solidario 2013”, que tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela.

O Secretario da EAPN-Galicia indicou que, na situación actual, esta campaña ten aínda maior relevancia. As políticas solidarias teñen unha dimensión económica, e, en consecuencia, non supoñen unicamente un gasto, senón tamén un investimento. A pobreza en España medrou nos dous últimos anos ata afectar ao 27% da poboación (máis de 12,5 millóns de persoas), o dato máis elevado dende o ano 2004. En Galicia xa se superan as 500.000 persoas, e algúns colectivos, como as persoas maiores ou a infancia e mocidade, están a sufrir especialmente.

A Vicepresidenta da CGONGD destacou que grazas á solidariedade da cidadanía, o importe recadado para Fins Sociais polas declaracións presentadas en 2012 (exercicio fiscal 2011) foi de 270 millóns, oito millóns máis que o ano anterior. Neste sentido, apuntou que, segundo os últimos datos proporcionados polo ‘Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas’, o ano pasado “300.000 persoas máis marcaron o cadro de Fins Sociais, ata sumar un 50% do total de persoas contribuíntes”.

Mais, seguramente por descoñecemento, outro 50% de persoas deixan en branco este cadro ou marcan, en exclusiva, o cadro da Igrexa Católica, porque é posible que non saiban que ambas as dúas asignacións súmanse, non se dividen.

O imposto da Renda é o único que permite á cidadanía decidir o destino dunha porcentaxe do diñeiro que xa lle foi retido. É moi importante que este ano as persoas amosen a súa solidariedade marcando o cadro de Fins Sociais, un xesto solidario, que non lles custa nada, “non van ter que pagar máis, nin lles van devolver menos”. Ademais, o Presidente do CERMI lembrou que a asignación tributaria “é un instrumento da política social do Estado que contribúe a loitar contra a exclusión social: o diñeiro recadado destínase a proxectos de acción social (77,72%), a ONG para o Desenvolvemento (19,43%) e a proxectos de medio ambiente (2,85%).

Os principais colectivos que reciben este financiamento son as persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia e familia, programas para a inclusión social, migrantes e solicitantes de asilo e protección internacional, mulleres, xuventude, programas de promoción do voluntariado, persoas reclusas, ex reclusas, afectadas por SIDA, persoas con drogadicción e o pobo xitano. Fóra de España trabállase en situacións de crises humanitarias pero tamén apoiando proxectos de educación, sanidade, agricultura, xénero ou infancia coa poboación máis vulnerable.

As persoas contribuíntes colaboran con proxectos e realidades concretas, como centros de día, apoio temporal a familias con persoas dependentes, atención integral a persoas con discapacidade, atención a familias con nenos e nenas xordas, prevención, sensibilización e erradicación de violencia de xénero, programas de promoción do voluntariado, e servizos de mediación familiar, entre outros moitos. Todos destacaron tamén a transparencia das ONG na xestión destes proxectos. O diñeiro recadado destínase integramente a proxectos concretos das ONG, non ás súas estruturas.