Skip to main content
Segundo as últimas noticias do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, o resultado da recadación para o cadro de “Actividades de Interese Xeral considerados de Interese Social” das rendas xeradas en 2014, presentadas en 2015, ascende a 297.591.000€, cifra que se viu incrementada en máis de 12 millóns con respecto ao ano anterior.
Este dato de recadación histórico foi posible grazas ás persoas que marcaron o cadro “X Solidario” e manifestaron o seu compromiso cos máis de 6 millóns de persoas que actualmente están en risco de exclusión social no noso país e que necesitan das actuacións das ONG para saír adiante.
Marcar o cadro solidario é un pequeno xesto pero unha gran oportunidade para mellorar a vida das persoas. En concreto, grazas á solidariedade das persoas contribuíntes, 469 entidades de acción social mediante a posta en marcha de 1.236 proxectos atenderon unha serie de realidades concretas de atención a persoas con discapacidade, menores e mulleres en situación de vulnerabilidade, inmigrantes, persoas maiores, etc.
FEAFES Galicia foi unha das entidades que se beneficiou da recadación obtida a través do cadro de “Actividades de Interese Xeral considerados de Interese Social”, partida que se utiliza para financiar proxectos como o Programa PAIEM para a Rehabilitación de Persoas con Enfermidade Mental en Centros Penais, o Programa de Respiro Familiar, o Programa de Promoción e Formación do Voluntariado ou o Programa de Promoción da Saúde Mental e Prevención da Exclusión Social. Ademais, emprégase parte desta partida para o investimento nos centros cos que conta a federación, do mesmo xeito que se financia o Programa de Atención Domiciliaria e o Programa de Intervención Familiar levados a cabo polas asociacións.

Aínda queda camiño por percorrer

Co obxectivo de aumentar o número de persoas que marquen o cadro de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Acción Social” na súa declaración da Renda, defínense dúas liñas de actuación para a próxima campaña: por unha banda, tratar que as persoas contribuíntes que non marcan ningún cadro marquen o “X Solidario”, pois aínda hai 9 millóns de persoas que non o fan;  e por outro, informar as persoas que marcan o cadro da Igrexa católica de que tamén poden marcar o “X Solidario” e axudar o dobre, pois ambas as achegas súmanse.
Podes compartir esta información en redes sociais co hashtag #GraciasportuXsolidaria