Skip to main content

A asociación de saúde mental Avelaíña, federada en FEAFES Galicia, conta cun novo Centro de Rehabilitación para a atención de persoas con enfermidade mental grave e duradeira que requiren un coidado integral, completo e especializado.

O novo local é a antiga Casa do Mar de Baiona, pertencente á Tesourería Xeral da Seguridade Social e que foi cedido á asociación Avelaíña. Previamente, a asociación recibiu tamén outros apoios institucionais dos concellos do Val Miñor e Baixo Miño, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e do Parlamento Galego.

A pasada semana, o xerente de Avelaíña, Rafael Álvarez, reuniuse co Delegado do Goberno da Xunta de Galicia, Samuel Juárez, para agradecerlle en persoa a axuda prestada. Na reunión informouse ó Delegado das xestións que se están a levar a cabo para que o local estea en perfectas condicións para a súa posta en funcionamento. 

Nestes momentos, o Concello de Baiona está colaborando con Avelaíña no acondicionamento do centro en canto a reparacións de luz, calefacción e de  instalacións deterioradas debido ó abandono que presentaba o local, pechado dende o ano 2005.

Por outro lado, a entidade tamén informou a Samuel Juárez de que está buscando a solidariedade de organismos e empresas para a doazón de mobiliario co que poder decorar este antigo centro de saúde e convertelo nunha estancia acolledora. Avelaíña quere eliminar o compoñente frío e sanitario das antigas instalacións de saúde para conseguir un ambiente máis alegre, funcional, cómodo e acolledor.

O centro de Avelaíña forma parte da rede sanitaria galega. Conta con prazas concertadas co Sergas e traballa de forma coordinada coa Unidade de Saúde Mental do Centro de Saúde de A Xunqueira, en A Ramallosa, que lle deriva pacientes.

Cando o novo Centro de Rehabilitación se poña en marcha, beneficiaranse desas instalacións 25 usuarios do Val Miñor, ó igual que as súas familias e a poboación en xeral.

reunion avelaina y delegado gobierno.jpg