Skip to main content
FEAFES Galicia está a desenvolver o “Programa de Habilidades Prelaborais para a Inclusión Sociolaboral Plena de Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental”, un proxecto que trata de dar resposta ás necesidades concretas de formación prelaboral e de habilidades da vida cotiá para facilitar a futura inserción sociolaboral de persoas con problemas de saúde mental.
Neste senso, durante os pasados meses, as delegacións de FEAFES en Santiago, A Coruña e Vigo realizaron unha serie de obradoiros formativos dos que se beneficiaron un total de 30 participantes. Trátase de persoas con discapacidade a causa de enfermidade mental que teñen escaso coñecemento das técnicas de busca de emprego e fontes de información laboral, así como dificultades para adaptarse a determinadas competencias que demanda o mercado de traballo.
Concretamente, estes usuarios recibiron nocións de psicoeducación, habilidades da vida diaria, habilidades sociolaborais e novas tecnoloxías aplicadas á busca de emprego. Unha vez rematados estes obradoiros, os participantes seguen a recibir unha atención personalizada por parte dos profesionais de FEAFES Galicia que contempla múltiples accións como información, asesoramento, orientación, acompañamentos, formación individualizada, xestión de prácticas non laborais, apoio no emprego, prospección e intermediación laboral, apoio familiar, ocio e tempo de lecer, etc.
Igualmente, aos participantes do Programa de Habilidades Prelaborais tamén se lles facilita unha serie de apoios non presenciais como poden ser  a coordinación con recursos comunitarios ou axuda en determinadas xestións de carácter sanitario, administrativo, legal, etc.
O Proxecto de Habilidades Prelaborais responde a unha subvención para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.