Skip to main content
Durante as últimas semanas, as distintas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia puxeron en marcha unha serie de obradoiros para mellorar a empregabilidade das persoas participantes no Programa Integrado de Emprego EMPREGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
O primeiro taller posto en marcha foi o de motivación e entrevistas laborais, que ten como obxectivo dotar aos participantes de ferramentas coas que afrontar positivamente o proceso de busca e mantemento do emprego, adquirindo as habilidades necesarias para superar con éxito as entrevistas de selección.
Durante o desenvolvemento do obradoiro, traballarase a motivación persoal de cara á busca dun traballo, así como a tolerancia á frustración. Tamén adestraranse as habilidades necesarias para superar con éxito as entrevistas de selección individuais e grupais a través de exercicios de rol-playing; traballaranse as dificultades derivadas dos problemas de saúde mental, do prexuízo social que sofren e, sobre todo, a problemática da dispersión territorial e a súa consecuente dificultade de acceso aos recursos. 
Tras este primeiro obradoiro, ao longo dos vindeiros meses realizaranse outros talleres de emprendemento, busca activa de emprego 2.0 e mobilidade laboral, do mesmo xeito que se porá en marcha un Club de Emprego e realizaranse diversas charlas laborais segundo as necesidades das persoas participantes. Con estas accións preténdese aumentar a súa empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral para mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental.
Por outra banda, o programa EMPRÉGATE V tamén contempla accións formativas de carácter máis ocupacional que permitan dotar de competencias técnicas aos seus participantes. Por exemplo, en Vigo iniciouse un obradoiro de ofimática de 40 horas de duración, dada a importancia que teñen as novas tecnoloxías hoxe en día para o acceso a calquera posto de traballo.
Nestes obradoiros están a participar un total de 100 persoas entre as delegacións de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Deron comezo en febreiro e prolongaranse ata mediados de novembro.