O Programa de Habilidades Prelaborais para a Inclusión Sociolaboral Plena de Persoas con Discapacidade a Causa de Enfermidade Mental trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con problemas de saúde mental de Galicia, atendendo ás necesidades concretas de adquisición de formación prelaboral e de habilidades para o desenvolvemento de actividades na vida cotiá que permitan unha preparación para unha futura inserción sociolaboral, é dicir, que contribúan á mellora da súa empregabilidade.
Neste senso, as delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia en Santiago, A Coruña e Vigo están a realizar unha serie de accións das que se benefician un total de 30 participantes. De xeito transversal, ofréceselles atención personalizada presencial e non presencial mediante valoracións individuais, deseños de itinerarios inidividualizados, asignación de accións e recursos, medidas de acompañamento e revisión de obxectivos.
Durante os meses de outubro e novembro, os participantes deste programa están acudindo a unha serie de talleres onde aprenden habilidades sociolaborais e da vida diaria, do mesmo modo que adquiren nocións sobre igualdade e inclusión social. Pola súa banda, durante os vindeiros meses de xaneiro e febreiro, acudirán a obradoiros de psuicoeducación e de novas tecnoloxías aplicadas á busca activa de emprego.
A través de todas estas accións, as persoas con problemas de saúde mental melloran as súas competencias e habilidades para poder insertarse nun futuro no mundo laboral, ademais de adquirir ferramentas e destrezas para abordar a busca de emprego dun xeito produtivo e eficaz.
O Proxecto de Habilidades Prelaborais responde a unha subvención para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Consellería de Política Social (a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade) e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.