Skip to main content
FEAFES Galicia, a Federación Galega de Saúde Mental, é unha entidade sen ánimo de lucro que defende os dereitos das persoas con problemas de saúde mental tratando de mellorar a súa calidade de vida e a dos seus familiares. Entre os seus servizos, FEAFES Galicia ofrece orientación laboral especializada onde se atende a demandantes de emprego cunha discapacidade por enfermidade mental co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade, pois trátase dun colectivo cunha altísima taxa de desemprego (só o 5% das persoas con problemas de saúde mental acceden a un posto de traballo).
Como Centro Colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia dende o ano 2002, FEAFES Galicia desprázase a determinadas localidades galegas para favorecer o acceso ao  emprego de persoas que habitan en lugares nos que a entidade carece de oficinas. Neste senso, a orientadora laboral de FEAFES Vigo visita diversas localidades da zona como Pontevedra, Redondela, Vilagarcía, A Guarda, Baiona ou Porriño. Podes consultar os lugares e datas destas visitas contactando coas oficinas de FEAFES Vigo a través do teléfono 986 485 784 ou do email feafesvigo@feafesgalicia.org.
A través do Servizo de Emprego, as orientadoras laborais de FEAFES Galicia realizan  accións de información, orientación e asesoramento para a busca de emprego, determinación do perfil profesional do demandante, intermediación laboral con empresas e, en resumo, todas aquelas actuacións que favorezan a inserción laboral das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. Estas accións son posibles grazas ao cofinanciamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do Fondo Social Europeo.
Ao longo do 2015, FEAFES Galicia atendeu a un total de 2.631 persoas a través do Observatorio de Emprego para Persoas con Enfermidade Mental, das cales 925 pertencen á provincia de Pontevedra. En toda Galicia lográronse 319 insercións laborais, ás cales accederon un total de 183 persoas (en Pontevedra houbo 57 persoas que accederon a 79 contratos de traballo).
Para máis información, visitar a páxina web da Axencia de Colocación de FEAFES Galicia.