A través do programa “Oriéntame”, a asociación Aspaneps traballa con 80 menores cun diagnóstico confirmado ou sospeita diagnóstica de alteracións do neurodesenvolvemento ou discapacidade.
A infancia e xuventude son etapas particularmente importantes pola súa vulnerabilidade e dependencia do contexto familiar, educativo e socia. Determinan en gran medida a realidade adulta futura. Polo que detectar dificultades e alteracións no neurodesenvolvemento é algo prioritario para garantir que o proceso evolutivo se realice nas mellores condicións posibles.
Con todo, a atención precoz en saúde mental tende a retrasarse. Os síntomas confúndense con cambios propios da infancia e a adolescencia e a vergonza e o medo ao que dirán derivan nunha ocultación do problema. Ademais, a falta de profesionais e unidades especializadas suficientes, así como as listas de espera prolongadas, fan que se retrase a atención.
Para paliar estas dificultades, desde a asociación ASPANEPS púxose en marcha o programa “Oriéntame”. Esta iniciativa brinda apoio psicosocial, psicoeducativo e psicoterapéutico para menores na Mancomunidade de Concellos de Ferrol.
Este programa é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
Apoio aos nenos e nenas e as súas familias
O programa “Oriéntame” atende a 80 menores con diagnóstico confirmado ou sospeita diagnóstica de alteracións do neurodesenvolvemento ou discapacidade no servizo de Saúde Mental Infanto-Xuvenil da asociación ASPANEPS. Esta iniciativa ten como obxectivo garantir o maior grao de autonomía e competencia persoal e social posible.
Para iso, primeiro realízase una fase de acollida co neno ou nena e a súa familia. Esta recepción é determinante para que se estableza un vínculo terapéutico axeitado e se garanta a implicación activa no proceso da menor e a súa familia. Neste primeiro contacto analízase o caso concreto e facilítaselles información e acceso aos recursos da contorna relevantes para o seu benestar.
Tras isto, comezaranse a avaliar aspectos cognitivos, sensomotrices, funcións executivas, linguaxe-comunicación e afectivo-emocionais do menor ou da menor; así como de competencia social e conducta adaptativa. Isto permite realizar un plan personalizado de intervención adecuado ás necesidades e consensuado coa familia.
Unha intervención adecuada a cada menor
Unha vez establecido o plan, iniciaranse as intervencións e accións específicas de apoio que faciliten a adquisición de habilidades adaptativas. O obxectivo deste plan de intervención é que a nena ou neno poida acadar o máximo grao de autonomía persoal, sempre promovendo o recoñecemento da individualidade.
Nas intervencións realizaranse sesións de orientación e apoio psicolóxico individualizado tanto emocional como conductual, sesións de terapia ocupacional e integración sensorial individualizadas, sesións de terapia grupal con menores e sesións de abordaxe grupal psicoeducativo e psicoterapéutico cos pais e nais.
O programa “Oriéntame” permite mellorar a calidade de vida das e dos menores e apoiar ás familias na súa labor de crianza, para que os nenos e nenas poidan acadar así unha calidade de vida axeitada e a integración psicosocial.
—
O programa “Oriéntame” é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.


