A Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA ven de facer público o “Informe sobre o estado dos Dereitos Humanos das persoas con trastorno mental en España 2017”, un documento co que denuncia as principais vulneracións de dereitos humanos de persoas con problemas de saúde mental.
A raíz dos resultados obtidos, a Confederación pon de manifesto a súa preocupación polos tratos inhumanos ou degradantes que seguen sufrindo en España as persoas con trastorno mental en base ás denuncias recollidas polo seu servizo de Asesoría Xurídica ao longo do ano 2017, incluíndo casos sucedidos en Galicia.
O informe insta a previr e eliminar a discriminación, xa que “as persoas con problemas de saúde mental constitúen un dos colectivos máis susceptibles de sufrir situacións de exclusión, discriminación, explotación e desigualdade”.
Segundo explica Nel González Zapico, presidente de SALUD MENTAL ESPAÑA, en España “aínda se producen acontecementos que deberían estar superados. O noso obxectivo e noso deber como movemento asociativo é traballar polo cumprimento dos dereitos do colectivo, os cales se ven vulnerados case a diario e en diferentes formas e contextos”, recalca.
Ingresos involuntarios e outras medidas restritivas
A través deste informe, editado por terceiro ano consecutivo, SALUD MENTAL ESPAÑA denuncia que “aínda se segue a ignorar de maneira xeral a diversidade da persoa como ser humano suxeito de dereitos e digna dun trato humano”.
No capítulo Dereito á liberdade e seguridade, o informe denuncia que en España seguen sendo unha práctica habitual os tratamentos forzados e a medicación administrada sen o consentimento da persoa ou en contra da súa vontade, así como a denominada terapia electroconvulsiva e medidas restritivas como o ingreso involuntario, os illamentos ou as contencións mecánicas.
A este respecto, denuncia que non hai protocolo de actuación único nin normas mínimas a nivel estatal. O informe recolle como exemplos de vulneracións o falecemento de varias persoas ás que lles aplicaban contencións mecánicas en hospitais psiquiátricos de Asturias e Galicia, así como a falta de asistencia psiquiátrica no Hospital Psiquiátrico Penal de Sevilla.
A perspectiva de xénero, materia pendente
“A perspectiva de xénero continúa a ser unha materia pendente no ámbito da saúde mental”, denuncia este documento, e engade que “non se cumpren os estándares internacionais” polo que “este enfoque continúa excluído en materia de saúde mental de maneira inxustificable”. Un ano máis, unha das principais vulneracións de dereitos é a violencia de xénero. A pesar de que 3 de cada 4 mulleres con problemas de saúde mental sufriron este tipo de violencia, aínda non existen recursos de acollida específicos para persoas con trastorno mental.
“As mulleres con problemas de saúde mental atópanse nese estadio da loita polos seus dereitos no que se cuestiona sistematicamente a súa condición de vítimas baixo argumentos tales como que o seu relato non é veraz debido ao seu problema de saúde mental”, asegura Irene Muñoz. “Por tanto, estas mulleres atópanse desprotexidas e excluídas dos recursos, mesmo nas ocasións nas que se constata a violencia, e os seus dereitos quedan desamparados”, engade.
A isto engádese que “a moitas mulleres e nenas con trastorno mental prívaselles do seu dereito para fundar unha familia e, aínda máis, chégase mesmo a danar a súa integridade corporal”. Prácticas como a esterilización forzosa e o aborto coercitivo (sen o seu consentimento) continúan vixentes no noso país, efectuándose baixo o paraugas de “o que é mellor para elas”, segundo asegúrase no informe.
Para consultar o informe, pica esta ligazón.