Skip to main content
Por todos é sabido que a actividade física ten un efecto positivo na calidade de vida de calquera persoa, e por suposto, tamén das persoas con problemas de saúde mental. O exercicio permítelles mellorar a saúde física, aliviando síntomas e mellorando a desvantaxe social que ten este colectivo.  
Ademais, sinalouse que “o estigma, a discriminación, a falta de esperanza e a escasa confianza nas propias posibilidades, tamén afectan negativamente á hora de ter oportunidades para a práctica deportiva”, converténdose en barreiras para que as persoas con problemas de saúde mental fagan exercicio, sobre todo en espazos normalizados e como práctica habitual. 
Con todo, o deporte e a actividade física para as persoas con problemas de saúde mental posibilitan o exercicio dun dereito cidadán, ofrece novas oportunidades para a recuperación, e, sen dúbida, constitúe un modo eficaz de ofrecer unha imaxe positiva e desterrar ideas e crenzas erróneas sobre este grupo de persoas. 
É por isto que o Hospital Juan de Dios de Arrasate, en colaboración coa Fundación Juan de Dios, puxeron en marcha a I Xornada de Saúde Mental e Deporte “Son como ti aínda que ti non o saibas”, que se celebrará en Donostia os días 4, 5 e 6 de outubro.
Entre as actividades programadas atópanse torneos de integración de básket, de petanca e de voleibol, ademais do Torneo Interautonómico de Integración de Fútbol 5, que terá lugar o día 5 de outubro. Neste participarán equipos de persoas con problemas de saúde mental procedentes de Aragón, Asturias, Castela León, Euskadi, Galicia e San Juan de Dios, representando á nosa comunidade autónoma a selección de fútbol de FEAFES Galicia.
O Torneo Interautonómico de Integración de Fútbol 5 celebrarase no Polideportivo de Bentaberri, comezando ás 09:30 coa fase de clasificación na que se disputarán unha serie de partidos de 20 minutos a tempo corrido. Ás 15:30 terá lugar a gran final e posteriormente, ás 16:30, procederase á entrega de trofeos.
Durante os días que os xogadores de FEAFES Galicia estean en Donosti, terá a oportunidade de visitar a cidade e coñecer a súa contorna, existindo a posibilidade de ver lugares como o Acuarium Palacio del Mar, o Centro Internacional de Cultura Contemporánea “Tabacalera”, o monte Igueldo ou a illa de Santa Clara.