Skip to main content

O portal web Galiza Contrainfo, que da cobertura ós movementos sociais galegos, a televisión sen ánimo de lucro por Internet Galiza Ano Cero e a revista Andaina de pensamento feminista gañaron os I Premios Luceira de comunicación social.

O obxectivo destes premios é visibilizar e poñer en valor propostas de comunicación en Galicia que estean a dar cobertura ás temáticas do eido social baixo un enfoque de calidade, análise, reflexión e participación da sociedade. Ademais, con este premio preténdese motivar ós distintos medios de comunicación galegos a reflexionar sobre o tratamento informativo que están a dar actualmente sobre as temáticas sociais, aquelas que afectan directamente ás vidas das persoas.

Nun acto celebrado na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e presentado polo actor Carlos Blanco, as asociacións promotoras deste galardón puxeron en valor as iniciativas de comunicación con vocación social.

A primeira en tomar a palabra foi Gema Filgueira, a presidenta da Coordinadora Galega de ONG para el Desenvolvemento, que expresou o seu desexo de que esta entrega de premios se suceda durante moitos anos máis e agradeceu ás máis de 1.000 persoas que votaron entre a algunha das 17 candidaturas.

A continuación, o director da Rede Galega contra a Pobreza, Xosé Cuns, amosou o seu optimismo polo número de medios que, en Galicia, difunden a problemática das 650.000 persoas en risco de exclusión. Ademais, Cuns celebrou que ningún deles busque “a lástima ou o asistencialismo”, senón que teñen vocación informativa, analítica, reflexiva e participativa.

Pola súa parte, o presidente do Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) de Galicia, Anxo Queiruga, resaltou o papel dos medios de comunicación na busca do equilibrio social. “Porque unha sociedade que quere ser xusta non pode ten buratos onde esconder o que non lle gusta”, argumentou.

Así mesmo, Carlos Blanco celebrou tamén a existencia de iniciativas que dean visibilidade ó traballo das asociacións do terceiro sector e, con elo, motiven a reflexión sobre o tratamento informativo da temática social noutros medios.

Os tres proxectos galardoados recibiron unha lámina cedida polo debuxante e ilustrador galego Xaquín Marín. Tras a entrega de premios, o auditorio acolleu unha mesa redonda sobre xornalismo social moderada polo decano de Comunicación da USC, Xosé Pereira. Nela participaron representantes das tres iniciativas gañadoras e os xornalistas Xoel Gómez, de La Voz de Galicia, e Luís Pardo, da Cadena SER.

luceira (2).jpg      luceira (1).jpg