O 1 de xuño, un total de 20 monitores de ocio de FEAFES Galicia participaron nunha xornada formativa sobre primeiros auxilios. Neste encontro estiveron presentes as asociacións A Creba, Alume, Morea, Doa, Apem, Fonte da Virxe, Avelaíña e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, ademais das delegacións de FEAFES en A Coruña, Santiago, Ourense e Vigo.
Impartida por profesionais de Cruz Vermella, nesta xornada afondouse nos contidos abordados nunha formación sobre esta mesma materia realizada o ano pasado. En primeiro lugar, os asistentes refrescaron cuestións xa coñecidas como as pautas de actuación ante unha situación de emerxencia, causas e consideracións dos paros respiratorios, nocións sobre o soporte vital básico ou a secuencia de actuación coa posición lateral de seguridade.
En canto aos contidos novos, os monitores de ocio aprenderon a tratar feridas e contusións, queimaduras e alteracións da termorregulación, traumatismos osteoarticulares, mobilización e evacuación das persoas feridas e como elaborar correctamente un botiquín.
O curso tivo lugar de 09:30 a 14:30 na aula de formación de Cruz Vermella en Santiago de Compostela e xurdiu a raíz dunha proposta dos propios monitores. Na reunión de técnicos de ocio de FEAFES Galicia mantida a principios de ano, estes amosaron a súa inquedanza por afondar neste tema, polo que o Servizo de Ocio e Deportes organizou, en colaboración con Cruz Vermella, esta acción formativa.