Skip to main content
A propósito do Día Internacional da Muller, FEAFES Galicia quere chamar a atención sobre a enorme discriminación que sofren as mulleres do noso colectivo. As persoas con enfermidade mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria: unha concepción negativa por parte da sociedade, grandes dificultades para a súa inserción social e laboral e insuficientes recursos na atención á saúde mental. 
Pero dentro deste colectivo, as mulleres están, se cadra, máis desprotexidas xa que sofren unha tripla discriminación: o estigma asociado ás enfermidades mentais, o rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental e a discriminación derivada de ser muller na sociedade actual.
Esta tripla discriminación provoca unha serie de obstáculos cos que se atopan as mulleres con enfermidade mental no seu día a día. Existe un prexuízo social que afecta especialmente a estas mulleres, dado que a sociedade en xeral ten unha imaxe negativa do colectivo considerándoos incapaces ou demasiado problemáticos para levar a cabo unha vida normalizada. 
Isto tamén provoca dificultades no eido laboral, pois as mulleres que sofren unha enfermidade mental son un dos colectivos da sociedade que teñen máis dificultades para acceder a un posto de traballo. Como consecuencia, carecen de recursos económicos polo que a miúdo son dependentes das súas parellas.
Téñense detectado casos de mulleres con enfermidade mental que ven dificultado o exercicio da súa maternidade. Como a calquera outra nai ou pai, non se debe xulgar o mero feito de ter ou non unha discapacidade, senón de ter as capacidades axeitadas ou dispor de asesoramentos e apoios adecuados na toma de decisións. 
Tamén é un feito recoñecido que a violencia de xénero exercida contra as mulleres con enfermidade mental grave, moitas veces por parte das súas parellas e ex parellas, é máis frecuente que a que se exerce sobre as mulleres que non presentan estes diagnósticos.

Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental

Para facer fronte a esta realidade, FEAFES Galicia apoia os procesos de integración social das mulleres con enfermidade mental, axudando a mellorar o seu benestar físico e a aumentar a súa propia estima a través da participación activa na comunidade. 
Neste senso, a entidade desenvolve un Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Igualdade. A través deste programa, FEAFES Galicia facilita información e asesoramento a mulleres con enfermidade mental, realiza accións formativas, atende urxencias e traballa coordinadamente con outros recursos. 
Ó longo do 2015, un total de 68 mulleres con enfermidade mental recibiron formación e asesoramento ó amparo deste programa para aumentar a súa autonomía, lograr unha maior adherencia ó tratamento, adquirir unha maior consciencia da enfermidade, recuperar as súas destrezas cognitivas e mellorar as súas habilidades sociais. Ademais destas beneficiarias directas, ata 48 familiares favorecéronse tamén destas accións.