Skip to main content

A concelleira de Economía e Turismo de Santiago de Compostela, Reyes Leis, recibiu no Pazo de Raxoi a un grupo de 40 persoas de FEAFES Galicia que realizaron o Camiño de Santiago. Entre estes peregrinos se atopaban persoas con enfermidade mental, monitores e un pequeno grupo de familiares.

Durante esta recepción, a concelleira deu a benvida ó grupo de peregrinos e destacou o mérito que teñen as persoas con enfermidade mental ó enfrontarse ós obstáculos que se atopan na súa vida. Interviu tamén Carina Fernández, en representación de FEAFES Galicia, indicando o beneficioso que resulta o Camiño de Santiago para os usuarios das nosas asociacións; e puidemos escoitar tamén ó usuario Marcos Domínguez que indicou a necesidade que teñen as persoas con enfermidade mental de facerse ver e demostrar a súa valía.

Coa iniciativa do Camiño de Santiago, FEAFES Galicia quere amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con enfermidade mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren. Esta viaxe de tres días tamén serviu para que as persoas con enfermidade mental realizaran exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde.

O percorrido comezou o mércores 24 de setembro en Salceda (O Pino) e seguiu o itinerario do último tramo do Camiño Francés, percorrendo un total de máis de 28 quilómetros. Na última xornada, que tivo lugar a mañá do venres 26, os peregrinos camiñaron dende o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro.

Este é o quinto ano que o Departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia organiza esta iniciativa. Desta vez participaron as asociacións Doa (Cangas e Vigo), Morea (Ourense e O Barco de Valdeorras) e Porta Nova (Narón), todas elas integradas na Federación. Ademais dos usuarios das asociacións, tamén participaron nesta actividade un grupo de usuarios dos cinco clubs de ocio que ten FEAFES Galicia nas súas diferentes delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago). 

recepcion concello (2).JPG          recepcion concello (1).JPG