Skip to main content
Arredor de 40 peregrinos, entre os que se atopan persoas con enfermidade mental, monitores e familiares, realizaron durante tres días o Camiño de Santiago para chegar a Compostela o venres 2 de outubro. Trátase dunha actividade organizada pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, que se realiza por sexto ano consecutivo tras a gran aceptación e participación que recibiu nas anteriores edicións.
A viaxe comezou o pasado mércores 30 de setembro en Salceda (O Pino) e culminou esta mañá coa chegada á Praza do Obradoiro. Unha vez alí, todos os peregrinos recibiron un certificado que acredita que percorreron 28 quilómetros do Camiño de Santiago. 
Tras acudir á Misa do Peregrino, ás 12:45 foron recibidos no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais, e outros membros da corporación municipal, que estaba acompañada por Gonzalo Muíños, concelleiro do PSOE, e María Corral, concelleira do PP e predecesora de Concha na concellería de Políticas Sociais. 
Nesta recepción tamén interviron Antonio Hernández, director de FEAFES Galicia, e Marcos Domínguez, membro do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Galicia que realizou o Camiño de Santiago. Na súa intervención, Marcos explicou o beneficiosa que resulta esta experiencia e o importante que é loitar contra os obstáculos cos que se atopan as persoas con enfermidade mental no seu día a día.
Un dos principias obxectivos desta iniciativa, organizada polo Departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, é amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con enfermidade mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren. Ademais, esta iniciativa serve para reivindicar a creación, mantemento e desenvolvemento de recursos orientados á recuperación das persoas con enfermidade mental e para demandar que dispoñan dunha atención integral con continuidade nos coidados.
Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Así mesmo, ten un factor lúdico rehabilitador, xa que permite que os participantes se integren na sociedade e realicen actividades colectivas. De feito, ao longo destes días, os arredor de 40 participantes puideron coñecer peregrinos de todos os lugares do mundo e intercambiar experiencias con eles, ademais de gozar da natureza.
Os participantes desta sexta edición do Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Apem (A Coruña, Betanzos, Cambre, Carballo e Cee), Morea (O Barco de Valdeorras), Afaes Portanova (Narón) e Andaina (Ordes e Dodro), todas elas integradas na Federación. Ademais dos usuarios das asociacións, tamén participarán nesta actividade un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten FEAFES Galicia nas súas diferentes delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago).