Skip to main content
O pasado 2 de outubro, os equipos do Programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental en Centros Penais de Galicia (PAIEM), realizaron unha visita ao Centro Penal de Teixeiro coa fin de intercambiar información, metodoloxías, realidades e coñecementos sobre as actividades que levan a cabo ao abeiro deste programa.
A través do PAIEM, realízase un traballo de intervención con persoas con problemas de saúde mental grave e crónica recluídas nos centros penais galegos. Lévase a cabo a través dun convenio de colaboración entre Saúde Mental FEAFES Galicia, a Fundación Barrié e a Secretaría Xeral de Institucións do Ministerio de Interior. 
Actualmente, o programa PAIEM aplícase nos cinco centros penais de Galicia a través das asociacións Alume (Bonxe e Monterroso), Morea (Pereiro de Aguiar), Lenda (A Lama e CIS Carmen Avendaño) e APEM (Teixeiro e CIS Carmela Arias). Para iso, os técnicos das asociacións traballan coordinadamente cos funcionarios e profesionais dos centros penais.
No encontro celebrado esta semana participaron arredor de 25 persoas entre técnicos das asociacións que levan a cabo o programa, coordinadores de Saúde Mental FEAFES Galicia, técnicos dos centros penais e representantes da Fundación Barrié, entidade que xoga un importante papel neste programa grazas ao seu apoio económico.
Ao longo da xornada, houbo tempo para analizar e debater acerca do modelo do programa, compartir experiencias concretas, visitar un módulo do Centro Penal de Teixeiro, expor modelos de execución doutros centros, amosar a intervención realizada polas distintas asociacións, presentar o Programa Ponte ou analizar o reto da acollida das persoas que saen destes centros.
O obxectivo final do programa PAIEM é conseguir que as persoas internas con problemas de saúde mental coñezan e aprendan a manexar a súa patoloxía, evitando recaídas e favorecendo á vez a súa participación nos programas e recursos do centro. O último ano, neste programa participaron 166 persoas con enfermidade mental grave e persistente, atendéronse a 22 familias e foron formados 44 funcionarios.