Incorpora Galicia é un Programa de integración laboral de colectivos en risco de exclusión social da Obra Social “laCaixa” do que forman parte sete entidades sociais galegas, entre elas FEAFES Galicia. A través de Incorpora, estas entidades forman ás personas a partir das necesidades das empresas e capacítanse ós profesionais á medida dos seus empregadores. Dende 2006, facilitáronse preto de 800 insercións laborais grazas á colaboración de máis de 500 iniciativas empresariais das catro provincias.
Os Técnicos Incorpora de FEAFES Galicia reuníronse na sede central en Santiago de Compostela o pasado mércores 12 de Marzo para deseñar as liñas conxuntas de traballo a seguir nos próximos meses. Na reunión, puxéronse en común as dificultades máis salientables detectadas polos técnicos nas súas zonas de traballo así como as estratexias propostas para solucionalas.
A vía de traballo que se quere fomentar actualmente é a oferta de prácticas non laborais ás empresas para que poidan coñecer a un candidato interesado en traballar nelas, que posúa capacidades e habilidades requiridas pola empresa e que estea formado para ese posto concreto. Deste xeito, prevese que poidan aumentar as ofertas e insercións, pois se lles ofrece candidatos formados por eles mesmos sen ningún custe e motivados para realizar o posto de traballo ofertado.