Skip to main content

Ó longo dos últimos meses, un grupo de usuarios das distintas delegacións de FEAFES Galicia estiveron a participar nos Clubs de Emprego organizados no marco do Programa Integrado para o Emprego EM-Prégate cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar. 

Nestes Clubs, os participantes aprenderon técnicas para facilitar a consecución dun traballo, compartiron experiencias e adquiriron habilidades para desenvolverse mellor no mundo laboral.

O uso das TICs e da Internet como ferramentas útiles para a busca de emprego é unha das cuestións nas que o Programa Integrado para o Emprego EM-Prégate quixo poñer o acento este ano. O obxectivo final do mesmo é aumentar as posibilidades que teñen as persoas con enfermidade mental de acceder a un posto de traballo, para o cal se realiza orientación e asesoramento individualizado, busca de emprego, formación dos demandantes, prácticas en empresas, intermediación laboral e seguimento individualizado no posto de traballo.

Entre os obradoiros organizados no marco deste programa, estivo a realización dun Vídeo Cv como xeito de adaptarse ás novas tecnoloxías e ó novo contexto de contratación laboral, no que o mercado é cada vez máis esixente e os demandantes de emprego deben diferenciarse facendo ver a súa valía e creatividade.

Para elaborar os seus Vídeo Cvs, os participantes dos Clubs de Emprego realizaron primeiro unha fase previa de revisión, análise e valoración do seu percorrido académico, laboral e formativo, ademais de analizar as súas cualidades persoais e definir os seus obxectivos laborais. A continuación, elaboraron o guión do que sería o seu Vídeo Cv e, unha vez ensaiado, enfrontáronse á cámara.

Se queres visualizar os Vídeo Cvs dos usuarios de FEAFES Galicia ou estás buscando candidatos para un posto de traballo na túa empresa, podes entrar no blog do Club de Emprego ou ben visitar a canle de Youtube de FEAFES Galicia. 

video cv jose manual.jpg        video cv marcos.jpg