Representantes das entidades do Terceiro Sector reunímonos en Santiago, Vigo e Verín para pedirlle á cidadanía que marque o X Solidario na súa Declaración da Renda baixo o lema #OXestoLendario
Onte, martes 7 de abril, as entidades sociais reunímonos na Praza da Quintana de Santiago de Compostela para facer un chamamento á cidadanía. Baixo o lema #OXestoLendario, pedimos que marquen o recadro 106 de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecido como X solidario, na súa Declaración da Renda.
No acto interviñeron Inés Salteiro, directora da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG); Ramón Sestayo, presidente do CERMI Galicia; e Saray Durán, vogal de EAPN Galicia-Rede Europea contra a Pobreza. Rodeados de compañeiros e compañeiras do sector, así como de persoas usuarias das distintas entidades; procedeuse á lectura do manifesto e a elaborar un “X” xigante na Praza da Quintana.
O acto tamén se realizou noutras localidades galegas como Vigo e Verín.
Un xesto polo que nin pagamos máis, nin nos devolven menos
Marcar o cadro de fins sociais na Declaración da Renda permite que un 0’7% dos nosos impostos se adique a programas e iniciativas consideradas de interese social. As ONG prestan servizos esenciais na loita contra a exclusión social e a pobreza, traballan en primeira liña contra os efectos provocados tras a pandemia, a crise enerxética, a inflación e as guerras. Este financiamento económico é fundamental para que moitas ONG galegas poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias miles de persoas, veciñas e veciños cos que convivimos.
O ano pasado 793.189 persoas colaboraron co X solidario, o que supón o 53,2% do total das contribuíntes. Con este xesto, recadáronse 30.127.138€ que recaeron en 168 organizacións galegas de acción social. Así, puideron levarse a cabo 773 proxectos que beneficiaron directamente a 184.288 persoas.
No caso de Saúde Mental FEAFES Galicia, grazas aos fondos recadados a través da X Solidaria, tanto as delegacións como as asociacións puidemos realizar un total de 15 programas. Isto supuxo poder atender a 1.122 persoas con problemas de saúde mental e familiares. Ademais, financiáronse 6 proxectos de investimento.
Desde as entidades de acción social galegas queremos recordar que, marcando o X Solidario, nin se paga máis nin se reciben menos cartos. É un xesto co que se contribúe á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan. Queda da túa man facer posible #OXestoLendario


