O Palacio Municipal de María Pita acolleu esta mañá a presentación dunha iniciativa avalada por 24 entidades sociais da área de A Coruña para celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se conmemora o próximo sábado 3 de decembro. Trátase da primeira vez que as distintas organizacións se unen para dar voz e visibilidade a este colectivo, aínda que a iniciativa nace coa vocación de continuar sumando adhesións no futuro, a fin de amosar a fortaleza dun colectivo diverso que reclama a súa plena inclusión na sociedade.
Na presentación desta mañá interviron o xerente de ASPACE Coruña, Eulogio López, en representación das entidades, e a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, ademais de estar presentes representantes das distintas organizacións promotoras da iniciativa.
No acto, organizado a iniciativa de ASPACE Coruña e que conta co respaldo do Concello da Coruña, participan as entidades ACEM, ADACECO, Fundación ADCOR, AIND, Pai Menni, APEM, ASPESOR, Asociación Pascual Veiga, Unidade de Parapléxicos A Coruña, ASPABER, ASPADISOL, ASPANAES, ASPERGA, ASPRONAGA, ONCE, FEAFES Galicia, Down Coruña, ASPACE Coruña, FEGEREC, GRUMICO, Artefíos, Red de Fibromialgia, DISMACOR y ASPAYM.
Entre todas estas organizacións está representada unha base social de máis de 22.000 persoas, incluíndo usuarios, socios, traballadores e voluntarios.
“Paraugada” no paseo do Parrote
Co lema “Baixo o mesmo paraugas. Coruña pola diversidade”, o vindeiro sábado 3 de decembro, ás 12h, está convocada una concentración no Paseo do Parrote aberta a todos aqueles que desexen manifestar o seu apoio ás persoas con algún tipo de discapacidade como membros valiosos da nosa sociedade.
Ademais, as entidades organizadoras solicitan que os asistentes porten paraugas de cores, co obxectivo de dar una maior visibilidade ao colectivo e á súa diversidade. Cos paraugas de cores preténdese representar unha sociedade plural e diversa, que acolle a todos por igual, sen diferencias, cun mesmo fin e un mesmo desexo de convivencia.
No transcurso da concentración procederase á lectura dun manifesto, así como de diferentes frases coas que os usuarios das distintas organizacións participantes queren amosar o seu sentir nese día de celebración.