Skip to main content
“Non somos invisibles. Tampouco pobriños nin eternos nenos. Queremos demostrar que podemos facer moitas cousas”. Esta foi a mensaxe unánime en forma de manifesto que lanzaron 53 entidades sociais galegas nas concentracións que se celebraron en diferentes cidades con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se conmemora o 3 de decembro.
Baixo o lema “Baixo o mesmo paraugas”, a praza de María Pita da Coruña encheuse de decenas de persoas que cos seus paraugas de cores pediron dar unha maior visibilidade ao colectivo de persoas con discapacidade, así como reclamar que se respecten os seus dereitos. A iniciativa, que xurdiu fai tres anos na cidade herculina, tense replicado este ano noutras prazas de Santiago, Vigo e Pontevedra.
En todas elas participaron usuarios de entidades sociais, voluntarios, traballadores e familiares, contando ademais na Coruña por primeira vez con medio milleiro de alumnos de distintos centros educativos.
En todas as concentracións deuse lectura a un manifesto onde os usuarios de 53 entidades galegas pediron poder “demostrar” que poden facer moitas cousas, pero sobre todo que lles coñezan “de verdade”. “Temos dereito a gozar dun lecer accesible, a transportes adaptados, a vivir en parella. Temos dereito a ser felices”, sinalaban no manifesto no que se pediu a unión e o apoio de todas as administracións e forzas políticas para lograr unha inclusión real.