Visita a web interactiva Saúde mental na desescalada: como afrontar o longo camiño
A Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA puxo en marcha a campaña Saúde mental na desescalada: como afrontar o longo camiño, que conta coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, co obxectivo de dar pautas á poboación acerca de como afrontar as novas e en ocasións difíciles situacións provocadas pola crise da COVID-19, no marco da desescalada do confinamento que se prolongará ao longo das próximas semanas.
Esta iniciativa, que se enmarca dentro da campaña #SaludMentalVsCovid19, contempla oito escenarios nos que coidar a saúde mental é fundamental: o duelo por perda de seres queridos durante o estado de alarma, a coñecida coma Síndrome da Cabana, a situación concreta das persoas con problemas de saúde mental, a prevención do suicidio, as situacións de desemprego e peches de negocio, a volta ao traballo, a conciliación e volta ao cole dos nenos e nenas, e as situacións de tensións dos profesionais sociosanitarios. A campaña, difundida en redes baixo o hasthag #DesescaladaSaludMental, consta dunha serie de infografías e dunha guía que se pode descargar nesta ligazón.
Como afrontar o duelo e a Síndrome da Cabana
Durante o estado de alarma, moitas persoas non puideron despedirse dos seus seres queridos nin compartir a dor coa súa familia ou amizades. “Temos que coidar a morte para coidar a vida”, afirma Joseba Rico, psicólogo e subdirector da asociación madrileña AMAFE. Segundo Rico, “os ritos son moi necesarios para pechar a despedida”, e lembra que hai moitas situacións diferentes: “Se por exemplo alguén convive cos seus pais e faleceu un avó, polo menos hai unha compañía porque lles tocou vivir o confinamento xuntos, pero alguén que está noutra provincia, non puido estar preto non xa da persoa que faleceu, senón da familia. Non puido recibir abrazos”. Por iso, sinala que “é bo atopar espazos para que cando se termine este confinamento estas persoas poidan estar cos seus”. Hai que permitirse ademais sentir a tristeza e a dor que forman parte de proceso de duelo, e pedir axuda se a situación nos supera.
Respecto á Síndrome da Cabana, Alejandra Julio Berrio, psicóloga e colaboradora de SALUD MENTAL ESPAÑA, explica que, nestes casos, “relacionamos casa con seguridade e rúa con perigo”. Nesta situación na que o noso fogar é a nosa nova zona de confort, hai medo ao contaxio e saír supón un novo esforzo de adaptación. Julio Berrio aconsella “facer traxectos emocionais curtos: se non che apetece saír ás oito da tarde para dar un paseo, podes por exemplo baixar o lixo”. É necesario ser responsable cun/ha mesmo/a e os propios autocoidados, buscando un equilibrio entre esa zona de confort e saír de casa.
Problemas de saúde mental e prevención do suicidio
As persoas con problemas de saúde mental poden ter vulnerabilidades engadidas respecto ao resto da poboación. Durante o estado de alarma, non se tiveron en conta as súas necesidades, tanto por parte das administracións encargadas de articular os recursos necesarios para garantir a continuidade dos seus coidados, como por parte da sociedade.
“A clave é sentirse escoitado e acompañado e que, polo menos puntualmente, nun momento dado sexas importante para alguén que che presta o seu oído e a súa humanidade, para acoller toda a desesperación”, explica Joseba Rico. Por iso, entre as recomendacións da campaña Saúde mental na desescalada, atópase prestar atención a síntomas novos, se algún empeorou, e cales resultan máis difíciles de soportar que antes. É necesario lembrar que nesta situación é normal ter máis tensión, pensamento obsesivo, dificultade de concentración, estados de alerta e ansiedade. Manter o autocoidado e respectar as horas e horarios de soño é fundamental nestes momentos.
As situacións de illamento poden ter como consecuencia un aumento das ideacións suicidas. Para iso, sempre é recomendable contar cun “teléfono de auxilio” dentro da rede de apoio (xa sexa familia, amizades ou profesional da Psicoloxía) para chamar a esa persoa en calquera momento que se poida necesitar. Na campaña incídese en que o primeiro paso é “recoñecer que algo non está ben e compartir como te sentes e o que pensas”. Tamén é importante ter a man o contacto de entidades que poden prestar axuda á persoa en momentos de extrema vulnerabilidade, por exemplo o Teléfono da Esperanza.
Outro colectivo que viviu situacións moi duras durante o estado de alarma é o dos profesionais sociosanitarios. Para evitar problemas de saúde mental como ansiedade, angustia, tensión postraumática ou trastornos adaptativos, entre outros, recoméndase compartir as emocións con compañeiros e compañeiras, ter un diálogo interno amable, e manter as formas de “rescate” ante situación de tensión. Se o malestar é importante e mantense no tempo, é necesario pedir axuda profesional.
Situacións de desemprego, volta ao traballo e conciliación
A crise da COVID-19 está a xerar nas persoas unha sensación de incerteza respecto a o seu futuro laboral e económico, xa que provocou a perda de emprego ou peche dalgúns negocios. Ante isto, é importante recoñecer as propias emocións e centrarse no que podemos controlar, aceptando que hai cousas que se escapan das nosas mans. Tamén é importante evitar personalizar: “Cando estamos a pasar por unha situación de crise que nos xera angustia e ansiedade, xéranos tamén unha sensación de que non imos poder soportalo”, explica Alejandra Julio. “Non é algo que só che estea pasando a ti. Non é algo que só dependa de ti. Ti non es o problema. É unha circunstancia absolutamente nova para todos e estamos a xerar novas formas de afrontala”, lembra a psicóloga. Tamén pode axudar facer plans moi a curto prazo, evitar pensamentos catastrofistas e non subestimar a nosa capacidade de resiliencia.
Naquelas empresas que están a reiniciar a súa actividade, as persoas traballadoras poden ter incerteza á hora de volver ao seu lugar de traballo. Pola súa banda, as empresas poden sentirse perdidas á hora de xestionar esta nova situación cos seus traballadores e traballadoras. Ante esta situación, recoméndase ás empresas dar o máximo nivel de certeza aos seus equipos nos aspectos nos que resulte posible (medidas de protección, quendas, adaptacións horarias, futuro contractual) así como establecer unha comunicación clara e continua, creando mesmo espazos propios para resolver dúbidas e inquietudes relacionadas co traballo.
Respecto á situación familiar, os pais e as nais enfróntanse á incerteza de non saber como se afrontará tanto a continuación do curso actual, como o curso que vén para os seus fillos e fillas, e deben facerse cargo do seu día a día e dos problemas de conciliación. Joseba Rico indica que “podemos tentar previr e colocarnos o mellor posible ante os vaivéns e incerteza. Ao final, estamos a expensas de ver que vai ocorrer. Non temos un control”.
Rico tamén lembra a importancia da regulación emocional dos pais. “Se os pais teñen moito medo, os nenos terán moito medo. É importante ser e parecer responsable, e á vez que se expresan os temores, tamén reforzar o que ten que ver coa responsabilidade, o agarimo, a solidariedade
A final de contas, o proceso educativo ten máis que ver co que mostramos que co que dicimos”, asegura o psicólogo.