Skip to main content

O proxecto Senda pola Saúde Mental, que realizamos coa colaboración de Fundación “la Caixa”, celebrou o seu acto de peche en Entrimo.

 

O martes 2, o Parque da Porta de Entrimo acolleu o acto de clausura do programa Senda pola Saúde Mental. Este proxecto, nado en xullo de 2022, está a atender as necesidades da saúde mental no rural Ourensán. Con esta iniciativa, posible grazas a colaboración de Fundación ”la Caixa”, prestamos apoio e atención a persoas que residen en zonas rurais da provincia.

Ao acto, que comezou ás 11h30 acudiron case 30 persoas entre as que se atopaban persoas usuarias do programa, familiares das mesmas, representantes e traballadoras sociais dos concellos nos que se dese

nvolve o programa, representantes de Fundación ”la Caixa” e traballadoras e traballadores de Saúde Mental FEAFES Galicia.

Un programa de atención e de sensibilización

Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, deu inicio ao acto agradecendo a participación de todas as persoas asistentes. Afirmou que, con Senda pola Saúde mental, podemos achegar recursos e apoios ás persoas con problemas de saúde mental que residen nas zonas máis rurais de Galicia. “Vivir en núcleos de poboación illados e de difícil acceso, xéralles dificultades no seu día a día. Poden verse soas, desatendidos, e isto pode agravar a súa situación”, explicou Girón.

Logo cedeulle a palabra a Ramón Alonso López, alcalde de Entrimo; que agradeceu a existencia deste tipo de proxectos que, ademais de achegar recursos, dean visibilidade a atención á saúde mental e axuden a eliminar os estigmas que ás veces sofren estas persoas.

 

Teresa Barge Dapía, Concelleira de Igualdade e Integración Social de Celanova; sinalou que o programa permite que as persoas con problemas de saúde mental e as súas familias se sintan menos soas. “Poder chamar por teléfono e que alguén che responda e che dea información, te axude e te acompañe, xera moita tranquilidade.”

 

 

 

“Senda pola saúde mental é moi necesario. No rural non chegan os recursos”

O punto central do acto consistiu nunha mesa redonda na que participaron Félix Alonso, técnico do programa; Débora Taboas García, traballadora Social do Centro de Saúde de Celanova; María Felisa López, participante do programa; José Yáñez, pai dunha usuaria do programa e Susan Santos, Xestora de Acción Territorial de Fundación ”la Caixa”.

Félix Alonso recordou que neste segundo ano do programa, atendemos a 25 persoas e 13 familias. “Foi un apoio individualizado, que incluíu asesoramento en diferentes materias, accións formativas e que se fixo en coordinación cos distintos servizos sociais no territorio”.

Débora Taboas, remarcou a necesidade de que existan programas coma este nas zonas rurais: “Nas cidades coma Vigo, tes opcións de asociacións, centros, recursos… Pero no rural non había nada. As persoas con problemas de saúde mental non recibían información nin o apoio necesario.”

Pola súa parte María Felisa López contou que antes de participar no programa non tiña comunicación con ningún profesional da saúde mental, non recibía seguimento nin apoio. “Desde que estou aquí a miña situación mellorou moito, se teño dúbidas, dificultades ou necesito consello, teño alguén que me atende e asesora.”

José Yáñez, falou desde a perspectiva das familias e explicou que saber que podes contactar con alguén que te asesore e resolva as dúbidas que poidas ter como familiar dunha persoa con problemas de saúde mental, da unha tranquilidade que antes non tiñas.

Finalmente, Susan Santos, pechou o acto recoñecendo a labor de Saúde Mental FEAFES Galicia e o seu equipo de profesionais. Tamén falou da importancia do traballo en rede entre a entidade, os concellos, os servizos sociais e os colaboradores como Fundación ”la Caixa”. “Sen este traballo en colaboración, non sería posible chegar a todas estas persoas. Esperamos seguir moitos anos desenvolvendo este proxecto tan necesario.”

 

 

 

25 persoas e 13 familias atendidas en Senda Pola Saúde Mental

Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, viñamos detectando unha gran limitación de acceso aos servizos e de atención ás persoas con problemas de saúde mental que viven en zonas máis rurais. Vivir en núcleos de poboación illados e de difícil acceso, xéralles grandes dificultades no seu día a día. Para cambiar esta realidade, naceu Senda pola Saúde Mental.

Neste segundo ano do proxecto puidemos ampliar as nosas zonas de actuación nas comarcas da Baixa Limia e Terras de Celanova. E tamén comezamos a desprazarnos a Pobra de Trives e Viana do Bolo.

Co programa Senda Pola Saúde Mental avanzamos no obxectivo de achegar os recursos e servizos ás persoas que viven en núcleos de poboación afastados, ofrecerlles atención individualizada e defender o uso efectivo dos dereitos tanto das persoas participantes como das súas familias e persoas achegadas. Tamén facilita a implicación das usuarias e usuarios coa súa contorna, mellorando a súa vinculación inclusiva, positiva e activa na comunidade.

Podes coñecer máis sobre este programa no seguinte vídeo: