35 persoas con problemas de saúde mental, residentes en zonas rurais de Galicia, foron atendidas a través do programa “Senda pola Saúde Mental” grazas á colaboración de Fundación ”la Caixa”.

O programa Senda pola Saúde Mental pecha un novo ciclo cun balance moi positivo. A iniciativa, impulsada para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias no rural galego, continuará contando co financiamento de Fundación ”la Caixa”.

No período 2025-2026, atendemos a 35 persoas das zonas máis rurais de Galicia. Concretamente, nas comarcas de Valdeaorras, Baixa Limia, Terra de Trives, Terras de Celanova e Viana do Bolo (Ourense) e na comarca do Deza, Tabeirós-Terra de Montes e Caldas (Pontevedra).

 

Un proxecto consolidado para achegar a saúde mental ao rural

Desde o 2022, “Senda pola saúde mental” logrou tecer unha rede de apoio para persoas con problemas de saúde mental nas contornas rurais.  Durante este ciclo, 35 persoas participaron nas actuacións de apoio e intervención. E atendemos tamén ás súas familias e persoas de referencia a través de accións de acompañamento e apoio familiar.

En Senda pola Saúde Mental definimos un plan individual de intervención para cada persoa usuaria, cun diagnóstico e análise das súas necesidades. O apoio emocional individualizado é un dos eixos do programa. Procuramos que as persoas participantes coñezan e entendan a enfermidade, sigan o tratamento e pautas médicas e acompañámolas en momentos de crise. Ademais, participan en formacións que lles brindan ferramentas para a xestión da economía doméstica, igualdade, autoestima e autocoidados.

No marco do programa, realizamos tamén acompañamentos na comunidade, actividades formativas e coordinámonos cos recursos do territorio. Levamos a cabo 71 acompañamentos comunitarios e 220 accións de coordinación con profesionais dos recursos sociais, sanitarios e comunitarios. Todo isto para favorecer a inclusión social e a autonomía persoal.

Entre as accións formativas ofertadas, destacaron os talleres de economía doméstica, habilidades sociais e asertividade, e competencias dixitais. Estas formacións están orientadas a favorecer a autonomía, a participación e a vida independente.

Unha nova etapa para chegar a máis persoas

Senda pola saúde mental, continua o seu camiño co financiamento de Fundación ”la Caixa”. Nesta nova etapa, daremos continuidade ao traballo xa consolidado en Ourense e Pontevedra reforzando a nosa intervención en 3 zonas máis da Provincia da Coruña. No vindeiro ano chegaremos ás zonas de Vedra, Val do Dubra e Boqueixón; chegando a atender a 45 persoas.

Os piares do programa seguirán sendo o apoio emocional e familiar, a autonomía persoa, a participación comunitaria, a prevención das situacións de violencia e a creación de redes de apoio.

Do mesmo xeito, seguiremos promovendo o traballo coordinado cos recursos profesionais e comunitarios, esenciais para ofrecer unha atención de proximidade e adaptada ás necesidades de cada persoa.

Así, podemos seguir traballando para que vivir no rural non sexa un impedimento para coidar a saúde mental.

 

Coa colaboración de:

Share