En “Pendentes de ti” traballamos para reverter os procesos de exclusión social de 29 persoas con problemas de saúde mental que reciben medidas de apoio da FUNGA.

A exclusión social é un fenómeno multidimensional que afecta a diversas poboacións en risco. Isto vese acentuado nas persoas con problemas de saúde mental.
Pasar dunha situación de exclusión social a unha de inclusión non é doado, e require dun longo período de tempo. No camiño interveñen diversos procesos multidimensionais, como os aspectos económicos e laborais, pero tamén o que ten que ver cos aspectos sociais e relacionais e, por suposto, coa situación persoal e a saúde.
Para afrontar esta realidade, as asociacións A Creba, Andaina, Fonte da Virxe, APEM, SM Ferrol, Alba, Avelaíña, Doa e Alume puxeron en marcha o programa “Pendentes de ti”; coa fin de proporcionar ás persoas cun problema de saúde mental o apoio e o acompañamento necesarios para favorecer a súa inclusión.
Este programa, que se realiza conxuntamente con Saúde Mental FEAFES Galicia, é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade
Ofrecemos apoio e acompañamento no entorno máis próximo

Existe un vínculo moi estreito entre os problemas de saúde mental e as situacións de exclusión. Eloína Injerto López, directora da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (FUNGA), explica que “preto dunha cuarta parte das persoas con medidas de apoio por parte da FUNGA presenta algún tipo de problema de saúde mental”. A través do programa “Pendentes de ti” , avalíanse os obstáculos que teñen estas persoas para saír da situación de exclusión na que se atopan.
O programa trata de abordar as necesidades de cada persoa de xeito individual, consensuando e negociando con cada participante. “Cada persoa ten unha historia e un presente diferente, polo que as súas necesidades tamén son moi diversas”, indica Eloína.
Para abordar estas necesidades, trabállase en rede coa FUNGA e con outros recursos e profesionais implicadas no proceso individual de cada persoa, apoiando e complementando a súa labor. “É fundamental que as e os diferentes profesionais e entidades traballen xuntas”, comenta Eloína, e continúa: “a atención debe realizarse en coordinación cos distintos axentes e sempre adaptada ás necesidades e circunstancias de cada persoa”.
Ademais, “Pendentes de ti” ofrece información, asesoramento e apoio xurídico ás persoas participantes. Tamén favorece o acceso aos tratamentos e busca evitar a cronificación da enfermidade. Neste senso, trátase de conectar ás usuarias e usuarios coas unidades de saúde mental para que poidan contar cun seguimento psiquiátrico adecuado que favoreza a súa estabilización e recuperación.

No marco deste programa tamén acompañamos e apoiamos a realización de actividades da vida diaria para mellorar as habilidades sociais, comunicativas e a resolución de conflitos. Do mesmo xeito, implícase activamente ás familias, persoas coidadoras e á contorna no proceso de recuperación. Infórmaselles e apóiaselles para mellorar a convivencia e aliviar as situacións de sobrecarga.
Igualmente, desenvólvense accións formativas individuais e grupais coas participantes que melloren as súas habilidades sociais. Na mesma liña, favorécese o acceso a recursos, prestacións e servizos promovendo a súa autonomía persoal, social e de manexo comunitario; así como o uso efectivo dos seus dereitos.
“Esta iniciativa permítelles ás usuarias e usuarios contar con profesionais que lles ofrecen apoio emocional e acompañamento no entorno máis próximo. Xerar vínculos e redes de apoio, acceso á información, seguridade e que poidan mellorar a súa autonomía e habilidades para a vida diaria”, sinala Eloína.
—
O programa “Pendentes de ti” é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.


