En “Pendentes de ti” buscamos reverter os procesos de exclusión social que afectan ás persoas con problemas de saúde mental usuarias do noso programa.

A exclusión social é un fenómeno multidimensional que afecta a diversas poboacións en risco. Isto vese acentuado nas persoas con problemas de saúde mental.

Pasar dunha situación de exclusión social a unha de inclusión non é doado, e require dun longo período de tempo. No camiño interveñen diversos e procesos multidimensionais, como os aspectos económicos e laborais, pero tamén o que ten que ver cos aspectos sociais e relacionais e, por suposto, a situación persoal e a saúde.

Para afrontar esta realidade, as asociacións A Creba, Andaina, Fonte da Virxe, APEM, SM Ferrol, Alba, Avelaíña, Doa e Alume; puxeron en marcha o programa “Pendentes de ti”. Para proporcionar ás persoas cun problema de saúde mental o apoio e o acompañamento necesario que favoreza a súa inclusión.

Este programa, que realizan conxuntamente con Saúde Mental FEAFES Galicia, é  unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

Inclusión, autonomía e calidade de vida

A través desta iniciativa, atendemos na nosa comunidade a persoas con problemas de saúde mental que reciben medidas de apoio da FUNGA. No programa buscamos avaliar os obstáculos que atopan para saíra da situación de exclusión na que se atopa.

O noso obxectivo é abordar as necesidades de cada persoa de xeito individual, consensuado e negociado con cada participante.  Para iso traballamos en rede coa FUNGA e con outros recursos e profesionais implicados no proceso individual de cada persoa, apoiando e complementando a súa labor.

Ademais, ofrecemos información, asesoramento e apoio xurídico ás persoas participantes. Tamén favorecemos o acceso aos tratamentos e buscamos evitar a cronificación. Neste senso, buscamos conectar ás usuarias e usuarios coas unidades de saúde mental. Así, poderán contar cun seguimento psiquiátrico adecuado que favoreza a súa estabilización e recuperación.

No programa “Pendentes de ti”, tamén acompañamos e apoiamos a realización de actividades da vida diaria para mellorar as habilidades sociais, comunicativas e a resolución de conflitos. Do mesmo xeito, implicamos activamente ás familias, persoas coidadoras e a contorna no proceso de recuperación. Informámolas e apoiámolas para mellorar a convivencia e aliviar as situacións de sobrecarga.

Igualmente, desenvolvemos accións formativas individuais e grupais coas participantes que melloren as súas habilidades sociais. Na mesma liña, favorecemos o acceso a recursos, prestacións e servizos promovendo a súa autonomía persoal, social e de manexo comunitario; así como o uso efectivo dos seus dereitos.

A través de todas estas iniciativas “Pendentes de ti” pretende así ser unha vía para mellorar a vinculación inclusiva, positiva e activa coa comunidade e cos recursos dispoñibles. Así poderemos contribuír a que as persoas con problemas de saúde mental melloren a súa calidade de vida e evitar as situacións de exclusión

O programa “Pendentes de ti”  é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.

 

 

Share