Skip to main content
Hoxe, 21 de febreiro, celébrase o Día Internacional do Guía de Turismo, pero a Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia adiantou a súa conmemoración a onte coa realización de varias actividades en diversas cidades galegas. 
Así, A Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra, Redondela e Lugo acolleron visitas turísticas guiadas que permitiron ás persoas participantes coñecer algúns dos segredos e curiosidades das súas propias cidades que a miúdo pasan desapercibidas. 
Estas actividades tiveron, ademais, outra pretensión: a de recadar fondos para entidades sen ánimo de lucro de diversas causas sociais. Así, aínda que a visita foi gratuíta, as persoas asistentes que así o desexaron puideron facer donativos ao remate do percorrido, que, no caso de Lugo, foron en beneficio de Saúde Mental FEAFES Galicia.
A ruta pola cidade lucense comezou ás 12:00 na Praza do Campo e tivo unha duración de hora e media, rematando na Praza de España e permitindo coñecer, durante ese tempo, os segredos da cidade histórica. Participaron un total de 33 persoas divididas en dous grupos, entre as cales se atopaban persoas usuarias e familiares da delegación lucense de Saúde Mental FEAFES Galicia.