FEAFES Galicia organiza por sétimo ano consecutivo o Camiño de Santiago, unha actividade na que participan ao redor de 50 peregrinos entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental, monitores, voluntarios e un pequeno grupo de familiares. O percorrido comezará o mércores 28 de setembro en Salceda (O Pino) e a chegada a Compostela está prevista para o venres 30 pola mañá. O itinerario, que se corresponde co último tramo do Camiño Francés, abarca máis de 28 quilómetros.
Antes de iniciar a viaxe, os participantes reciben unha documentación cos monumentos e obras arquitectónicas que atoparán ao longo do percorrido, así como dos sinais de referencia para poder seguir o itinerario. Ademais, o departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia proporciónalles previamente unha guía con consellos sobre como ir ben equipados e preparados para as longas camiñadas.
Unha vez cheguen a Compostela, todos os participantes recibirán un certificado que acredite que percorreron ese tramo do Camiño de Santiago. A continuación, haberá unha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por parte dos membros da corporación municipal, despois da cal os peregrinos gozarán dunha comida de confraternidade nun restaurante do centro histórico.
Este é o sétimo ano que o Departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia organiza esta iniciativa. Esta vez participan as asociacións Apem, Morea, Afaes Portanova, Avelaíña e Andaina, todas elas integradas na Federación. Ademais dos usuarios das asociacións, tamén participan nesta actividade un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten FEAFES Galicia nas súas diferentes delegacións.
Con esta iniciativa, FEAFES Galicia quere mostrar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con enfermidade mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren. Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con problemas de saúde mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para o seu benestar. Así mesmo, ten un factor lúdico rehabilitador, xa que permite que os participantes se integren na sociedade e realicen actividades en grupo.