Skip to main content
A Fundación Barrié e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organizaron este mércores 18 de outubro na sede da Fundación Barrié na  Coruña o networking “Coñecerse para comprenderse”, no que participaron de maneira conxunta 15 xornalistas e 21 representantes de entidades sociais galegas, entre elas FEAFES Galicia e a súa asociación Avelaíña.
O acto foi inaugurado por María Isabel Pérez, directora de Acción Social da Fundación Barrié, que sinalou “a importancia  de actividades como esta, enfocadas a crear un espazo de traballo común entre xornalistas e ou terceiro sector social galego”. Con ela estivo Francisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas, quen insistiu nesta vontade de coñecerse e salientou a importancia do diálogo para que ambos os dous sectores saiban “que facemos mal e entendamos as situacións de vulnerabilidade”. 
Nesta vontade de diálogo, o decano quixo lembrar tamén o traballo desenvolvido no último ano co Colexio de Psicoloxía de Galicia, que culminou no documento Informa_Dor. A continuación, estabelecéronse tres grupos de traballo mixtos, formados cada un por cinco xornalistas e sete representantes das entidades sociais, para debater sobre os problemas que xorden á hora da comunicación entre ambos os dous sectores. 
Os xornalistas Belén Regueira, Xaime Leiro e Ángela Fernández Casal foron os responsables de coordinar os grupos de traballo mixtos, nos que os participantes puxeron en común cuestións como cal é a situación mediática do terceiro sector neste momento, a función social dos medios na sociedade, a participación dos medios de comunicación na construción das entidades sociais ou o papel do terceiro sector no xornalismo social; tentando achegar propostas para mellorar a comunicación e a presenza nos medios das organizacións sociais.
Tras unha pausa, puxéronse en común as conclusións dos distintos grupos de traballo. Entre elas destacan a necesidade de establecer redes de contactos de mutua confianza entre entidades e xornalistas, evitar a estigmatización da enfermidade mental e coidar especialmente a linguaxe nas informacións referidas a este colectivo.
O networking está encadrado dentro do programa da Fundación Barrié “Que facer para comunicar mellor desde o Terceiro Sector social”, que se iniciou o pasado martes 26 de setembro cun obradoiro, de carácter eminente práctico, para proporcionar ás entidades sociais consellos e ferramentas que lles permitan mellorar a comunicación das súas accións.