Azucena García é licenciada en Ciencias Políticas, realizou un máster en Comunicación e ten a cabeza totalmente amoblada. É un claro exemplo de que o diagnóstico dunha enfermidade mental pode compaxinarse perfectamente cunha vida normalizada, estable e feliz. Hoxe toma a pluma para falarnos dunha cuestión que non parece estar moi clara na proposta de reforma do Código Penal presentada polo Goberno: son perigosas as persoas con enfermidade mental?
“Mentar a unha persoa con una enfermidade mental activa nos medios de comunicación lévanos a pensar na posibilidade de violencia exercida sobre os demais. Pero debemos saber que os medios de opinión tenden a recoller as noticias que causan máis efecto sobre os seus lectores, como por exemplo a difundida polo diario La Voz de Galicia o día 12 de xuño de 2014 na que conta como unha muller “en tratamento psiquiátrico por depresión (…) acabou coa vida dos seus pais para despois suicidarse”. Un acto de violencia este que non debe ser descontextualizado. Con elo converteríamos o excepcional en normal, feito que contribúe moi negativamente ó intento por transmitir unha visión normalizada sobre a enfermidade mental e os que a padecen.
Da ansiedade á depresión, pasando pola bipolaridade ata a esquizofrenia. Distintos estudos científicos realizados ata a data confirman que as persoas con este tipo de doenzas son menos agresivas que a media, estando no 1% o número de afectados que poden presentar un comportamento violento. É certo que falamos de persoas nas que a enfermidade non se atopa activa. Pero, aínda máis, cando esta comeza a manifestarse, o comportamento máis habitual demostra como os afectados poden chegar a converterse nun potencial perigo para si mesmos. Cómo podemos entender senón que unha muller adulta reaccione ante un profundo malestar psíquico autolesionándose, provocándose feridas coas que intentar paliar o seu malestar emocional.
Ata agora e especialmente dende as reformas introducidas pola Lei de 1986,o camiño por recorrer dirixíase ó incremento dos recursos asistenciais dispoñibles, tratando de dar unha atención integral ó paciente na que os tratamentos farmacolóxicos, cada vez máis efectivos e con menos efectos secundarios, eran completados con distintos tipos de terapias psicolóxicas tendentes a calmar e equilibrar o plano emocional do individuo, a resolver os seus conflitos internos. E elo apoiado por centros de atención de día e a asistencia domiciliaria, nun intento de conseguir que os ingresos hospitalarios en unidades de agudos tendesen a ser as menos posibles e coa duración imprescindible para conseguir que o enfermo lograse estabilizarse e poder continuar a súa vida normalizada fora dos agora denominados sanatorios mentais.
Coa reforma formulada no Código Penal ven a poñerse o foco de atención no que se plantexa como potencial perigosidade dos pacientes, feito que chegaría a xustificar en último termo internamentos continuados que poderían prolongarse de por vida. Prodúcese un xiro de 180 graos no espírito das reformas esgrimidas en 1986,que se materializa nun retroceso dos dereitos fundamentais dos afectados. Coártase a liberdade de decidir en igualdade e se incumpre o espírito de normas fundamentais: ver art. 25.2 CE/1978 que di textualmente que “as penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade están orientadas cara a reeducación e reinserción social (…)”.
Establecéndose un paralelismos os suxeitos obxecto dese artigo, os internamentos de por vida supoñen unha violación flagrante deste dereito fundamental recoñecido e amparado polo noso ordenamento xurídico, no que, se ninguén o impide, MOITOS DE NÓS (non o esquezan, estímase que unha de cada catro persoas padecerá unha enfermidade mental ó longo da súa vida), podemos chegar a ter menor protección xurídica que a recoñecida para o resto dos cidadáns.”
Azucena García González