As persoas con problemas de saúde mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria, pero dentro deste colectivo, as mulleres atópanse aínda máis desprotexidas xa que sofren unha tripla discriminación: o estigma asociado ás enfermidades mentais, o rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental e a discriminación que implica ser muller na sociedade actual.
Isto xera unha serie de obstáculos aos que se enfrontan as mulleres con problemas de saúde mental no seu día a día: o prexuízo social, obstáculos no ámbito laboral, dificultades para exercer a maternidade, violencia de xénero, etc.
Para facer fronte a esta realidade, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A través deste programa, as mulleres con problemas de saúde mental reciben información e asesoramento personalizados, realizan accións formativas e teñen acceso a outros recursos de utilidade.
No marco deste proxecto, hoxe realizouse en Santiago o primeiro de tres talleres dirixidos a mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental. Autoestima e autocoidados, prevención de malos tratos, a aplicación Escapp, afectividade e sexualidade son algunhas das materias que se abordarán nestas sesións, as cales xa se levaron a cabo durante os últimos meses nas cidades de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.
Ao longo destas xornadas, fomentarase a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da discriminación que sofren as mulleres con problemas de saúde mental no ámbito persoal, social e laboral. Para iso, cada unha delas recibirá unha atención personalizada e especializada, co obxectivo de favorecer a súa inserción real e plena na sociedade.