Skip to main content
Esta mañá, o Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou un convenio de colaboración co presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, para contribuír ao financiamento das actuacións relacionadas co desenvolvemento dun programa piloto de apoio ás persoas con problemas de saúde mental. 
Dito programa, que se levará a cabo ao longo do 2016, centrarase en dar apoio socio-educativo comunitario e atención no fogar a persoas con enfermidade mental en situación de dependencia residentes en Galicia. O seu obxectivo é mellorar a atención a estas persoas en zonas de escasa ou nula cobertura sociosanitaria, así como fortalecer a súa autonomía, a prevención da dependencia e artellar unha rede de apoio e acompañamento social.
Para iso, desenvolveranse accións de información, orientación e atención sociofamiliar; promoción e recuperación da autonomía funcional; actividades de ocio e tempo libre; adestramento das habilidades persoais e sociais; desenvolvemento profesional e social para persoas dependentes en idade laboral; etc.
Rey Varela encomiou o traballo que levan a cabo dende fai anos as entidades centradas na atención a persoas con enfermidade mental, e reiterou o apoio da administración autonómica a este colectivo mediante o reforzo dos servizos orientados á súa normalización e integración social. “É vontade do Goberno galego apoiar ás persoas con discapacidade e ás súas familias en todos os pasos que dean para conseguir unha maior calidade de vida”, concluíu.