Skip to main content
Tres colexiados voluntarios do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo (COEL) estiveron onte na delegación lucense de FEAFES Galicia para impartir unha charla sobre saúde bucodental aos usuarios de dita entidade. Esta acción enmárcase dentro do convenio de colaboración que existe entre o COEL e FEAFES Galicia, que organizan actuacións conxuntas dende que estreitaron relacións en xullo do 2014.
Ambas entidades coinciden na necesidade de mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e a dos seus familiares, polo que colaboran neste ámbito de interese común mediante a organización de charlas informativas dirixidas a persoas con enfermidade mental, familiares e profesionais da saúde mental, así como outras accións formativas que contribúen a mellorar a súa saúde.
Tras esta charla, o Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo impartirá máis sesións informativas nas distintas asociacións da provincia de Lugo que forman parte de FEAFES Galicia. Deste xeito, a Federación incide no seu traballo por potenciar a saúde física e mental do colectivo ao que representa e tratar de mellorar así a súa calidade de vida.