Skip to main content
A pasada semana comezaron as reunións entre as entidades locais que forman parte do Grupo Incorpora en A Coruña e en Santiago para valorar a temática e a planificación do Punto de Formación Incorpora 2022. 
Esta formación, enmarcada dentro do programa Incorpora de Fundación “la Caixa”, ten como finalidade mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas, tratando de ampliar así as súas posibilidades de inserción laboral.
Trátase dunha formación de calidade que non inclúe só os contidos técnicos, senón que tamén forma á persoa dende un punto de vista integral proporcionándolle as ferramentas necesarias para superar outros obstáculos que poidan afectar á súa empregabilidade. Deste modo, o Punto de Formación Incorpora traballa sobre catro eixes básicos: encaixar a formación á demanda empresarial, apoderar ás persoas usuarias, facilitar prácticas non laborais en empresas ordinarias e traballar en rede con outras entidades.
En A Coruña, as nosas prospectoras laborais María Redonda e Sonia Ramos reuníronse o pasado 24 de xaneiro con representantes de Igaxes, COGAMI, Fundación Juan Soñador e Fundación Érguete Integración para empezar a planificar esta acción formativa. No caso de Santiago, a prospectora laboral Ana Belén San Martín mantivo un encontro o 25 de xaneiro con compañeiros e compañeiras das entidades Igaxes e COGAMI.
En ambas reunións traballáronse conxuntamente as necesidades formativas e os perfís das persoas usuarias das distintas organizacións, coa fin de facer unha proposta de contidos para o Punto de Formación Incorpora 2022, así como unha estimación de datas para a súa realización. 
Deste xeito, en A Coruña acordouse realizar un punto formativo sobre limpeza que inclúa módulos específicos de limpeza hospitalaria e en hostalería, con data de inicio a principios de abril. En Santiago, pola súa banda, realizarase un punto formativo sobre almacén que inclúa os carnés de carretilleiro e manipulador de alimentos, que se desenvolverá entre abril e xuño.