Skip to main content

En “Pontes de Inclusión” traballamos con persoas con trastorno mental que están xudicializadas ou son de procedencia estranxeira.  

A exclusión social é un fenómeno multidimensional que afecta a diversas poboacións en risco. Isto vese acentuado nas persoas con problemas de saúde mental e, especialmente nas persoas que están ademais sometidas a medidas penais e/ou son estranxeiras.

Para afrontar esta realidade, as asociacións Lenda e Saúde Mental Ferol, Eume e Ortegal; puxeron en marcha o programa “Pontes de Inclusión”. Para facilitar a inclusión e o acceso aos servizos de saúde e emprego destas persoas así como para loitar contra o estigma social e a discriminación.

Este programa, que realizan conxuntamente con Saúde Mental FEAFES Galicia, é  unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

 

 

Queremos derrubar barreiras e eliminar o estigma

A través desta iniciativa, atendemos a 30 persoas en Redondela, Ferrol  e Santiago. No programa buscamos avaliar os obstáculos que atopan para acceder aos servizos comunitarios e desenvolver estratexias para eliminalos.

O noso obxectivo é acompañar e orientar ás persoas nos seus procesos de inclusión social. Para iso, abordamos as necesidades específicas de cada participante e ofrecémoslles apoio psicosocial. Ademais, buscamos a súa integración na comunidade a través de intervencións cultural e comunitariamente sensibles.

No programa “Pontes de inclusión” , desenvolvemos tres liñas de acción. A primeira orientada ao acompañamento social e persoal, na que deseñamos unha intervención personalizada e adaptada a realidade de cada participante. A segunda liña vai orientada aos profesionais e axentes vencellados ao proceso destas persoas. Nela informamos aos distintos axentes sociais das administracións que traballan coas persoas usuarias do noso programa.

Por último, a terceira liña consiste en establecer un traballo en rede cos diferentes entidades sociais dos concellos, Centros de Integración social, comisións de Coordinación do Servizo de Psiquiatría das áreas sanitarias, institucións públicas implicadas e outras entidades comunitarias. A través de reunións de coordinación, buscamos favorecer o traballo conxunto e facilitar a derivación das persoas que o precisen aos diferentes recursos existentes.

“Pontes de inclusión” pretende ser unha vía para a inclusión das persoas cun problema de saúde mental que estean xudicializadas ou sexan de procedencia estranxeira, para que poidan ser parte da comunidade e mellorar a súa calidade de vida.

Un espazo para reescribir historias

No marco de “Pontes de Inclusión”, levamos a cabo un encontro no que coincidiron persoas usuarias do programa e persoas que participaron no programa PAIEM no centro penal da Lama. Durante a xornada puideron poñer en común as súas experiencias. Compartiron historias que levan ata sete anos escribíndose onde falaron de abstinencia, conseguir e manter un traballo, de reaprender a vivir e de cambios no estilo de vida.

“Os tropezos forman parte do proceso”, comentou un dos participantes, engadiu que participar nesta iniciativa lle axudou a manexar e aceptar as súas emocións, mellorar a súa capacidade de afrontamento e de pedir axuda ante unha posible recaída.

Tamén falaron da importancia que tivo poder establecer rutinas a raíz da súa participación no programa. De como o deporte, os obradoiros, as actividades no centro, lles permitiron fomentar valores como a disciplina a constancia e o compromiso.

Así mesmo, comentaron a necesidade de que os  dispositivos de apoio acompañen ás persoas usuarias: “precisamos seguimentos reais e que nos acompañen na nosa historia sen xulgarnos”.

Este encontro foi especialmente enriquecedor e encheuse de aprendizaxe entre iguais, de honestidade e de compromiso. Onde compartir experiencias propias pode contribuír no proceso de mellora destas persoas.

 

O programa “Pontes de Inclusión”  é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.