Skip to main content
A Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA reclama aos medios de comunicación que ofrezan á poboación un tratamento informativo adecuado e sen estigmas das persoas con problemas de saúde mental. Ante as recentes noticias publicadas en distintos medios nas que aparecen persoas con problemas de saúde mental en situación de descompensación no contexto do estado de alarma, e nas que se produciu unha intervención policial, a Confederación fai un chamamento aos e ás profesionais do xornalismo para que informen de forma adecuada e veraz, evitando abordar as noticias de forma discriminatoria.
“Ao longo dos anos, o colectivo de persoas con problemas de saúde mental e as súas familias e contorna viviron baixo o peso do estigma, cargado de falsos estereotipos, mitos e prexuízos”, explica Nel González Zapico, presidente de SALUD MENTAL ESPAÑA. González lembra que “os medios de comunicación xogan un papel fundamental á hora de acabar con ese estigma, porque teñen a capacidade de reforzar prexuízos e estereotipos, pero na mesma medida tamén poden loitar contra eles”. Por tanto, solicita que a información que se ofreza sexa adecuada e veraz, evitando xerar medo, rexeitamento e discriminación cara estas persoas, “e máis nun momento tan sensible e delicado como o que estamos a atravesar debido á crise provocada polo COVID-19”.
O presidente da Confederación lembra que “a crenza xeneralizada de que os problemas de saúde mental están intimamente relacionados coa violencia non ten base científica algunha. Non é certo que as persoas con trastornos mentais sexan máis agresivas nin teñan máis probabilidades de cometer actos violentos que as persoas sen estes problemas. De feito, ocorre en máis ocasións que este colectivo sexa vítima de agresións, malos tratos e abusos que responsable dun acto violento”. En moitas ocasións confúndense as causas reais dunha agresión ou conduta violenta relegándoa a un problema psiquiátrico, cando pode deberse a problemas socioeconómicos, consumo de drogas, violencia de xénero, educacionais, etc.

Guía de Estilo sobre Saúde Mental para Medios de Comunicación

Para SALUD MENTAL ESPAÑA, noticias como as publicadas estes días poñen en perigo a imaxe e a inclusión social e laboral das persoas afectadas, condicionando a súa imaxe pública cara o medo e o rexeitamento. Para axudar aos medios para elaborar informacións adecuadas e afastadas de estigmas, a Confederación elaborou a Guía de Estilo sobre Saúde Mental para Medios de Comunicación, onde se ofrecen pautas e información que poden axudar ás e aos xornalistas a non contribuír á  estigmatización destas persoas.
Por todo iso, a Confederación reclama:
  • Que non se vincule a violencia cos problemas de saúde mental. Continuar relacionando os sucesos violentos cos trastornos mentais non só é falso, senón que, ademais, fai que se perpetúen ideas como que as persoas con trastorno mental son violentas, agresivas e actúan de forma irracional. Cun tratamento integral e unha contorna social e familiar adecuada, poden e deben vivir na sociedade.
  • Que os profesionais da comunicación sexan sensibles a esta realidade e, ou ben mostren todas as circunstancias e as posibles causas (sen relegar o problema de saúde mental como único factor), ou ben realicen unha descrición dos feitos directamente observables (sen aventurarse a prexulgar a causa do feito a un trastorno mental).
  • Que os medios sexan conscientes de que o tratamento que dan á saúde mental pode evitar a discriminación e contribuír a que estas persoas sexan cidadás de pleno dereito.
“Poñémonos ao dispor dos medios de comunicación para orientarlles e asesorarlles cando queiran preparar algunha información neste ámbito”, sinala Nel González, quen engade que “o estigma aparece cando vemos á persoa cun problema de saúde mental como o outro ou a outra. Deixemos de facer esa diferenciación entre elas e nós porque, segundo a OMS, 1 de cada 4 persoas ten, tivo ou terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida”.