Skip to main content
O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e a Fundación  CERMI Mujeres reivindican a necesidade de traballar para conseguir que as persoas con discapacidade LGTBI sexan plenamente libres, visibles e empoderadas.
Así o pon de relevo o manifesto elaborado por CERMI e CERMI Mujeres con motivo do Día do Orgullo LGTBI 2019, compartido por Saúde Mental FEAFES Galicia, no que reclaman unha “sociedade que non sinale, non aparte e non discrimine a ninguén”.
“A orientación, identidade e expresión sexuais están presentes nas nosas vidas, porque as persoas con discapacidade tamén amamos, temos desexos e queremos participar da vida afectiva e sexual en liberdade, sen vetos baseados en estereotipos discriminatorios”, afirma o manifesto.
Neste senso, mostra o seu rexeitamento a que un diagnóstico colonice a súa existencia ocultando á propia persoa: con dignidade e dereitos. Ademais, advirte que “temos que axudarnos a saír deses armarios que a sociedade nos impuxo e que nos apartan da vida en común”.
O movemento CERMI reclama tamén inculcar a convivencia en diversidade desde a educación, a fin de reforzar os afectos dunha convivencia saudable e promover o respecto e aprendizaxe mutuo.
Por outra banda, o manifesto urxe a terminar con prácticas como as esterilizacións forzosas, que se aplican fundamentalmente a mulleres e nenas con discapacidade, froito do “machismo” e o “estigma” que segue imperando na sociedade. Así mesmo, esixe unha sanidade inclusiva, que asegure o consentimento libre e informado para acceder aos servizos de reatribución de sexo, para o que é necesario garantir a accesibilidade universal no sistema sanitario.
Pódese acceder ao manifesto completo a través desta ligazón.