Skip to main content
O xurado do I Concurso de Fotografía “Máis alá do confinamento”, composto polas seis persoas que conforman o Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia, o coordinador de Desenvolvemento Asociativo de Saúde Mental FEAFES Galicia e a responsable de comunicación de Saúde Mental FEAFES Galicia, resolveu conceder os seguintes premios:
• 1º PREMIO: “Sen cita previa”, de Yolanda Castro Fernández (Lugo)
• 2º PREMIO: “Superando unha etiqueta máis”, de Manuel Botana López (Santiago de Compostela)
• 3º PREMIO: “Seamos libres, que cuerdos ya estamos”, de Antonia Fernández Garrido (Lugo)
• ACCÉSIT: “Un poco de libertad”, de Belén de la Paz Rodríguez Vaquero (Vigo)
Da fotografía gañadora, “Sen cita previa”, o xurado destacou que a paisaxe transmite calma e revela a beleza das pequenas cousas que considerabamos normais e inmutábeis pero que de súpeto estiveron vedadas por mor da pandemia: andar, sentar nun parque, mirar un río… Ademais, fainos ver que a Natureza está ao noso dispor para gozala, tal como di o título, sen cita previa, pero que iso pode mudar nun segundo… e quizais non estamos a prestarlle a atención que debemos.
Da segunda fotografía premiada, “Superando unha etiqueta máis”, gústanos que a escena é moi reveladora para as persoas que non coñecen a realidade das discapacidades. Os elementos simbólicos utilizados (escadas, etiqueta, a redución da discapacidade a unha porcentaxe…) permiten ver a reflexión detrás da imaxe. Resulta contracorrente, non mostra beleza, senón os problemas que se agravan en tempos de dificultade.
En “Seamos libres, que cuerdos ya estamos”, terceira fotografía galardoada, tanto o escenario como a luz do día e a postura da muller comunican alegría e enerxía, harmonía estética e paz, positivismo e espírito de mocidade. Pensamos que a mensaxe a favor da liberdade e a reivindicación da cordura dentro da saúde mental é necesaria. Ademais, suxire que despois do confinamento, a vida volve cobrar sentido.
Por último, o xurado decidiu conceder un premio accésit á fotografía “Un poco de libertad” porque transmite unha mensaxe positiva para esta nova etapa: na chamada nova normalidade tamén hai ceo, sol, horizonte. Unha fermosa paisaxe quizais moi utilizada, pero sempre evocadora. A praia tráenos a sensación de respirar aire puro logo do confinamento; e o vento, ese pouco de liberdade co que soñamos durante semanas.
A entrega de galardóns terá lugar a finais do mes de setembro e a súa modalidade dependerá da evolución da pandemia. Dende o Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia queremos agradecer novamente a participación de todas as persoas que enviaron as súas fotografías ao concurso, felicitar ás persoas que resultaron premiadas e recoñecer a calidade tanto estética como conceptual de todas as propostas recibidas.
A convocatoria do concurso de fotografía concibiuse en principio como unha actividade máis, pero a aparición da pandemia e o conseguinte confinamento convertérona nunha maneira de expresar as inquedanzas e visións da realidade desde o colectivo de persoas con problemas de saúde mental.
Foi un xeito de achegarse á realidade desde os ollos das persoas que acotío son invisibles e tamén de albiscar o novo futuro, no que a saúde mental estará cada vez máis presente como parte fundamental do coidado das persoas