Skip to main content
Nas últimas semanas, as Unidades Psiquiátricas de A Coruña e de Santiago acolleron varios episodios ante os que FEAFES Galicia quere amosar unha grande preocupación e alarma.
A principios de febreiro, na Unidade de Psiquiatría do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo produciuse o falecemento dunha paciente por suicidio e a denuncia, uns días antes, dunha agresión sexual por parte doutra paciente. Semanas despois, foi denunciada a morte dun paciente psiquiátrico que se atopaba en contención mecánica mentres estaba ingresado na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña.
FEAFES Galicia quere amosar unha gran preocupación ante estes acontecementos e denunciar as visibles carencias que estes feitos revelan sobre a atención á saúde mental en Galicia. As situacións anteriormente mencionadas descobren unha clara vulneración dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental e un trato que dana a súa dignidade e integridade, sendo estas cuestións ante as que non debe actuar a indiferenza.
É por isto que FEAFES Galicia valora denunciar estes feitos ante as institucións pertinentes e poñer en coñecemento dos mesmos aos axentes encargados de garantir o cumprimento dos dereitos sanitarios da cidadanía galega. Demandamos unha atención ás persoas con problemas de saúde mental digna, respectuosa e en igualdade de condicións que os demais usuarios dos servizos hospitalarios.