Skip to main content
O pasado 22 de setembro, un grupo de persoas que están en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, participaron nun obradoiro de técnicas para a busca de emprego a través da Internet impartido por Patricia Grandío, orientadora laboral en Saúde Mental FEAFES Galicia.
Desenvolvido no centro de formación Irmáns Froilaz en Narón, e cunha duración de 3 horas e media, este obradoiro tiña como obxectivo orientar ás persoas demandantes de emprego no uso das novas tecnoloxías para mellorar a súa empregabilidade e o seu achegamento ao mercado laboral.
A día de hoxe, Internet é unha ferramenta fundamental para buscar emprego, xa que permite coñecer moita información sobre o mercado de traballo, acceder aos servizos da Oficina Virtual de Emprego da Xunta de Galicia, consultar e postularse a ofertas, rexistrarse en portais de emprego, subscribirse a boletíns informativos ou elaborar directorios de empresas de interese, entre outras utilidades.
Pola súa parte, para completar os coñecementos, o 29 de setembro tivo lugar outra acción formativa na que as persoas participantes aprenderon a enfrontarse a unha entrevista de traballo. Impartido pola mesma profesional de Saúde Mental FEAFES Galicia, neste taller déronse a coñecer as características, estrutura e contido dunha entrevista; aspectos a ter en conta antes, durante e despois da mesma; tipos de entrevistas que existen e adestramento de habilidades para superalas. 

Estes obradoiros concibíronse como accións grupais enmarcadas nas actividades de Información, Orientación e Asesoramento para a Busca de Emprego (IOBE), financiadas pola Consellería de Emprego e Igualdade a través do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).