Skip to main content
FEAFES Galicia inicia unha nova edición do proxecto de Itinerarios de Formación Prelaboral para a Mellora da Empregabilidade de Persoas con Enfermidade Mental, un proxecto que trata de dar resposta ás necesidades concretas de formación prelaboral e de habilidades da vida cotiá para facilitar a futura inserción sociolaboral de persoas con problemas de saúde mental.
Neste senso, durante os vindeiros meses, as delegacións de FEAFES en Santiago, A Coruña e Vigo realizarán unha serie de accións das que se beneficiarán un total de 30 participantes. De xeito transversal, ofreceráselles atención personalizada presencial e non presencial mediante valoracións individuais, deseños de itinerarios inidividualizados, asignación de accións e recursos, medidas de acompañamento e revisión de obxectivos.
Ademais, os participantes deste programa acudirán a unha serie de obradoiros formativos nos que se abordarán temas como a psicoeducación, habilidades da vida diaria ou habilidades sociolaborais, deixando para finais de ano e principios do que ven os talleres de novas tecnoloxías aplicadas á busca de emprego, igualdade e inclusión social. 
A través de todas estas accións, as persoas con problemas de saúde mental melloran as súas competencias e habilidades para poder insertarse nun futuro no mundo laboral, ademais de adquirir ferramentas e destrezas para abordar a busca de emprego dun xeito produtivo e eficaz.
O Proxecto de Habilidades Prelaborais responde a unha subvención para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.