A finais do mes de novembro, persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia participaron nunha serie de obradoiros grupais celebrados en Santiago de Compostela que tiñan como obxectivo promover nas persoas participantes unha actitude adecuada para implicarse activamente no proceso de procura de emprego, así como dotalas das principais ferramentas e recursos orientados a iso.
Deste xeito, o 22 de novembro, a orientadora laboral Eva Varela impartiu un taller sobre técnicas para a busca de emprego a través da Internet, no que se orientou ás persoas participantes no uso das novas tecnoloxías como ferramenta útil para a procura de traballo.
A busca de emprego a través da Internet é imprescindible na actualidade, xa que permite ás persoas demandantes de emprego ter acceso á información sobre o mercado laboral, aos servizos da Oficina Virtual de Emprego da Xunta, aos servizos electrónicos da Seguridade Social, coñecer ofertas de emprego, enviar un CV, rexistrarse en portais de emprego, subscribirse a boletíns de emprego ou elaborar directorios de empresas, entre outras utilidades.
Por outra banda, o 24 de novembro, a orientadora laboral Belén Uzal impartiu un obradoiro sobre entrevistas de selección, coa fin de facilitar ás persoas participantes os aspectos fundamentais a ter en conta nas entrevistas de traballo e así mellorar as súas habilidades para a superación das mesmas.
Neste taller, as persoas demandantes de emprego puideron coñecer as características fundamentais dunha entrevista de selección de persoal: estrutura, contido, tipos de entrevista, aspectos a ter en conta antes, durante e despois dunha entrevista, adestramento en habilidades para superalas, etc. Para iso, visualizáronse vídeos a modo de exemplo e realizáronse simulacións prácticas.
Estas accións grupais están enmarcadas dentro das actividades de Información, Orientación e Asesoramento para a Busca de Emprego (IOBE), financiadas pola Consellería de Emprego e Igualdade a través do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).