Skip to main content
O pasado 18 de novembro, a asociación A Mariña inaugurou unha exposición de artesanía no marco do seu proxecto inclusivo Aula do Mar, a primeira iniciativa destas características na contorna mariñá. A mostra atópase na Casa da Cultura de San Cibrao (Cervo), e estará exposta durante un mes, ata o 18 de decembro.
A Aula do Mar A Mariña é un proxecto de integración social para persoas con problemas de saúde mental, onde se pon en valor o patrimonio costeiro e os recursos patrimoniais e ambientais da zona da Mariña-Ortegal. Este proxecto desenvólvese na Unidade Residencial de Cervo e ten unha duración de tres anos, aínda que tamén se realizará nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral que a entidade dispón en Burela e Ribadeo, sendo así unha aula itinerante.
A Aula do Mar, contempla cinco actividades xerais: terapia-mar, crea-mar, coida-mar, explora-mar e “o camiño e o mar”. Todas elas responden ás necesidades integrais das persoas usuarias e perseguen o obxectivo último da entidade: traballar na rehabilitación integral das persoas con problemas de saúde mental para mellorar e manter a súa calidade de vida.
Polo tanto, as pezas de artesanía que se poden contemplar na exposición de San Cibrao foron realizadas nos talleres da actividade “crea-mar” durante o ano 2020. Elaboráronse libretas pintadas a man, lapis decorados, xabóns artesanais, pezas de cerámica… todo con motivos mariñeiros. Toda participación activa da entidade nese tipo de actividades axuda a dar maior visibilidade ao colectivo, á vez que aumenta a autoestima das persoas usuarias.
Este proxecto concedeuse ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), aprobada pola Consellería do Mar ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) a Mariña – Ortegal no marco da FEMP. Entre os obxectivos estratéxicos da EDLP que procura este proxecto está fomentar o aproveitamento sostible do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras, incluíndo a mitigación do cambio climático e da transición a unha economía de baixas emisións de carbono.