Na súa vontade por reforzar a profesionalidade dos seus traballadores e ampliar os coñecementos da súa plantilla, FEAFES Galicia conta cun servizo de formación interna a través do cal se organizan xornadas formativas e cursos específicos dirixidos ós profesionais da entidade.
A este propósito, o pasado mércores 13 de maio tivo lugar unha acción formativa baixo o título “Intervención en situacións de crise”, á cal acudiron un total de 19 traballadores de FEAFES Galicia, pertencentes tanto á sede central de Santiago como ás delegacións de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
O encargado de impartir a formación, xestionada por Newton Consultoría i-Formación, foi o Dr. Ramón Area Carracedo, psiquiatra na Unidade de Rehabilitación do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Area Carracedo falou do funcionamento das Urxencias hospitalarias en relación ós problemas de saúde mental, presentou o programa Acougo para traslados e ingresos non voluntarios urxentes de persoas con trastorno mental, expuxo diversos sistemas de triaxe e a súa aplicación ós pacientes psiquiátricos, e incidiu na importancia de abordar correctamente a un paciente de saúde mental no seu primeiro brote.
Tras a exposición do Doutor, os profesionais de FEAFES Galicia tiveron a oportunidade de presentar unha serie de casos para debater conxuntamente a súa abordaxe e o xeito máis axeitado de actuar ante eles. A través dun intercambio de opinións, todos os asistentes puideron enriquecerse e aprender das distintas formas de abordar un caso determinado e os diferentes modos de intervención posibles.