O Programa de Atención Integral a Mulleres con enfermidade mental en situación de vulnerabilidade leva 14 anos en funcionamento. Gracias á colaboración da consellería de Política Social e Igualdade.
Ser muller, en situación de risco e ter unha enfermidade mental implica sufrir unha tripla vulnerabilidade. Para paliar as desvantaxes coas que se poden atopar as mulleres nesta situación, Saúde Mental FEAFES Galicia, coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade, desenvolve o programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental desde o 2010.
María (nome ficticio), Laura (nome ficticio) e Ángela coéceron Saúde Mental FEAFES Galicia nun momento delicado das súas vidas. “Fun vítima de violencia de xénero”, comenta María, “non tiña apoio nin traballao e a miña saúde mental empeorou gravemente.”
Laura, pola súa banda, sufríu acoso no instituto onde estudaba un FP e a súa saúde mental comezou a resentirse. “Sentíame insegura en todo, non tiña ganas de facer cousas novas nin continuar coas que xa facía”.
Ángela atopábase soa coa súa filla, non tiña traballo e o vínculo coa súa familia estaba moi deteriorado. As tres comezaron a participar no Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en situación de risco e o seu proceso comezou a mellorar.
“Aquí entendín que teño dereito a unha vida propia”
María afirma que, cando chegou a Saúde Mental FEAFES Galicia, se sentía perdida. “Aquí déronme as ferramentas para o autocoñecemento, autonomía, e acceso a apoio económico e psicolóxico”. E continúa: “Así fun gañando confianza en min mesma, tomo as miñas propias decisións e confío no meu criterio.”
Laura engade que, ademais, as formacións e o asesoramento que recibiron ela e a súa familia les axudaron a establecer vínculos máis saudables. “Fun conseguindo tratarme mellor e falarme mellor a min mesma. Tamén aprendín a establecer relacións máis sanas, poñer límites e comunicarme mellor coa miña familia.”
Ángela sinala que, o apoio á hora de formarse e atopar un traballo foi fundamental para alcanzar a estabilidade. “Para min é un logro moi importante estar traballando e o que iso implica. A toma de decisións, a xestión, conciliar cos horarios da miña filla, confiar nas miñas capacidades… Todo iso que antes non era capaz”.
Todas coinciden en que a súa participación no programa de Atención Integral a Mulleres foi moi positivo para elas. Ángela aclara: “Aquí entendín que teño dereito a unha vida propia e que podo confiar en min mesma para tomar as miñas propias decisións”.
E animan a outras mulleres que poidan estar nunha situación semellante a que intenten pedir axuda: “Aquí hai un grupo de grandes profesionais que te van acompañar no teu proxecto de vida. Que te axudarán a ver un futuro de esperanza e confianza.”- asegura María.
Un programa enfocado nas mulleres
O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, permítenos atender a 52 mulleres en situación vulnerable e con problemas de saúde mental durante o período 2023-2024.
O obxectivo deste programa é contribuír a reducir a tripla discriminación que sofren estas mulleres e dotalas de ferramentas para reforzar a súa autonomía, para que poidan así mellorar a súa situación persoal, social e laboral.
Dentro das accións que se levan a cabo neste programa está o servizo de orientación e información especializado, unha liña 900 gratuíta, atención psicolóxica, mediación familiar, asesoramento xurídico e servizo de orientación laboral, entre outros.
Tamén se desenvolven accións formativas de utilidade para as mulleres que participan no programa como: técnicas de busca de emprego, trámites online; psicoeducación con perspectiva de xénero, autoestima e autocoidados; afectividade, sexualidade e anticoncepción; acoso a través das novas tecnoloxías e recursos e información de utilidade ante situacións de violencia de xénero.