A Asociación Alume e Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolvemos o programa “Persoas sen fogar” que atende a persoas con enfermidade mental grave en situación de extrema vulnerabilidade.
As persoas sen fogar ou en situación de exclusión severa carecen, na gran maioría dos casos, de apoio familiar e dunha rede de apoio social. Se ademais teñen algún tipo de problema de saúde mental, a situación agrávase. Sofren problemas económicos, de saúde, relacionais… E teñen unha especial dificultade para acceder e conservar un emprego. Por iso, a asociación Alume leva a cabo o programa “Persoas sen fogar”.
Este programa, que realizan conxuntamente con Saúde Mental FEAFES Galicia, é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
Atención individualizada e traballo en rede
A través desta iniciativa, a asociación Alume e Saúde Mental FEAFES Galicia buscamos atender a 25 persoas con problemas de saúde mental que se atopan en situación de exclusión residencial grave ou sen fogar. Procuramos ofrecer a atención e os recursos adecuados ás persoas máis vulnerables. Tamén lles garantimos un acompañamento profesional no seu proceso de recuperación e integración social.
Os obxectivos principais do programa son aumentar a atención as persoas e situación de extrema vulnerabilidade e acompañalas aos recursos sociosanitarios da súa contorna. Tamén lles ofrecemos un seguimento continuo e facilitamos a mellora das súas competencias sociais e laborais. Ademais, traballamos en rede cos recursos e profesionais da contorna para asegurar unha resposta áxil e eficiente. Todo isto para buscar unha mellor calidade de vida e previr recaídas e ingresos hospitalarios das persoas participantes no programa.
—
O programa “Persoas sen fogar” é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.