Skip to main content
FEAFES Galicia ven de sumarse ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, para a contratación de dúas mozas que realizarán labores administrativas nas delegacións que ten a entidade en Vigo e en Coruña.
Estas novas traballadoras pasarán a ocuparse do “servizo de xestión de atención integral a persoas con enfermidade mental e as súas familias” que leva a cabo FEAFES Galicia. A este propósito, o seu traballo centrarase na información e atención telefónica e persoal, a xestión documental e de bases de datos, a realización de trámites administrativos, seguimento e mantemento de servizos e oficinas, accións de comunicación e correspondencia, apoio na presentación e xustificación de subvencións, así como apoio en ocio.
Todas estas accións permitirán que se podan atender as necesidades e demandas específicas das persoas con enfermidade mental e os seus familiares, facilitando o apoio e acompañamento sociolaboral necesario para unha correcta inclusión na sociedade. As novas compañeiras estarán na entidade durante 7 meses nunha xornada a tempo completo.
A axuda a través da cal se realiza a súa contratación está cofinanciada nun 91,89% polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil. O seu obxectivo é fomentar o emprego por parte das entidades sen ánimo de lucro e mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito do Programa operativo de emprego xuvenil en Galicia.