A asociación Alume desenvolve desde o 2024 o programa “Impulsa”. Unha iniciativa que busca ampliar o coñecemento científico sobre as enfermidades mentais graves.
En Saúde Mental FEAFES Galicia e nas nosas entidades asociadas temos como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental. E aínda que nos últimos anos se está mellorando a atención en relación á saúde mental, os trastornos mentais graves seguen sendo incomprendidos e estigmatizados.
Para cambiar esta realidade, a asociación Alume en Lugo desenvolve desde o 2024 o programa “Impulsa”. Esta iniciativa ten por obxectivo fortalecer a investigación e sistematización do coñecemento científico no ámbito da prevención e tratamento dos trastornos mentais graves. O proxecto busca tamén que se comprenda mellor a situación da saúde mental en Galicia e eliminar a fenda existente na investigación sociosanitaria, contribuíndo así ao avance da práctica clínica baseada na evidencia.
Este programa é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
Investigación para unha mellor atención
O programa “Impulsa” aplica unha metodoloxía robusta e sistematizada que garante un impacto amplo non só na cidade de Lugo, senón tamén nas áreas rurais da provincia. Ademais, é extensible a outras asociacións que traballan coas persoas con trastornos mentais severos.
O proceso inclúe o uso de ferramentas estandarizadas, como cuestionarios e instrumentos de medición tanto cuantitativos como cualitativos, para recoller datos relevantes sobre a realidade das persoas con trastornos mentais graves. Esta avaliación continua garante que as intervencións sexan efectivas e que se poidan mellorar ao longo do tempo.
Un dos piares deste programa é a colaboración entre universidades, centros de investigación e entidades sociosanitarias. Isto permite compartir coñecementos e avances no campo da saúde mental e mellorar así a efectividade das intervencións. Tamén se lle da especial importancia a divulgación. Por iso se organizan congresos, publicacións e formacións que difundan os resultados das investigacións, favorecendo así a creación de redes de traballo e contribuíndo á mellora na atención á saúde mental.
Seguimento continuo e avaliación do impacto
Na busca da mellora continua na atención dos trastornos mentais graves, a asociación Alume avalía o impacto deste programa a través de cuestionarios de satisfacción, avaliacións obxectivas e subxectivas e indicadores cuantitativos. Deste xeito pódese realizar un seguimento das intervencións para a valorar a súa aplicación na práctica clínica. Esta avaliación continua garante que as intervencións se adapten ás distintas necesidades e se optimicen de acordo aos resultados obtidos.
O programa “Impulsa” pretende non só mellorar a atención das persoas con trastornos mentais graves, senón tamén ofrecer unha base sólida de coñecemento que poida transformar a práctica clínica e fomentar a investigación en saúde mental en Galicia.
—
O programa “Impulsa” é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.


