A asociación Alume desenvolve desde o 2024 o programa “Impulsa”. Unha iniciativa que busca ampliar o coñecemento científico sobre as enfermidades mentais graves.

En Saúde Mental FEAFES Galicia e nas nosas entidades asociadas temos como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental. A atención á saúde mental, aínda que progresa, segue necesitando mellorar. Especialmente en relación aos trastornos mentais graves seguen sendo incomprendidos e estigmatizados.

Para cambiar esta realidade, a asociación Alume en Lugo desenvolve desde o 2024 o programa “Impulsa”.  “O programa parte dunha recomendación da Unión Europea de investigar e innovar para poder elaborar políticas eficaces en materia de saúde mental”- explícanos Aarón Agudo, subdirector da asociación Alume. Así, o programa busca fortalecer a investigación e sistematización do coñecemento científico no ámbito da prevención e tratamento dos trastornos mentais graves. Tamén procura que se comprenda mellor a situación da saúde mental en Galicia e eliminar a fenda existente na investigación sociosanitaria, contribuíndo así ao avance da práctica clínica baseada na evidencia.

Este programa é  unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

Investigación para unha mellor atención

“En Alume realizábamos unha práctica clínica diaria pero precisabamos que esa práctica fose útil e ordenada e que todo o coñecemento fose aplicable. Por iso nace o Impulsa”, cóntanos Aarón. Explícanos que o programa “Impulsa” aplica unha metodoloxía robusta e sistematizada que garante un impacto amplo non só na cidade de Lugo, onde ten sede a asociación, senón tamén nas áreas rurais da provincia, e é extensible a outras asociacións que traballan coas persoas con trastornos mentais severos.

Durante o proceso, axústanse ás necesidades de cada investigación. “Aparece unha dúbida sobre o que estamos a facer e a partir de aí queremos investigar”, indica Aarón e continúa: “planificamos a investigación, facemos un rexistro sistemático e, a partir de aí, análise estatístico, análise de datos e intentamos chegar a unhas conclusións que poidan ser aplicadas.”

Para asegurar que as investigacións se fan seguindo uns códigos éticos de participación voluntaria, anónima e confidencial; en setembro do 2021 crearon un comité de ética que se asegura de cumprir coa protección de datos no ámbito da investigación.

Novas liñas de investigación e traballo en rede

A asociación Alume sigue abordando novas liñas de investigación que posibiliten a mellora na atención dos trastornos mentais graves. Así, este ano están realizando estudos relacionados co dó por suicidio, a intervención en saúde mental no ámbito rural, os efectos da terapia canina nas persoas usuarias, a inserción laboral do colectivo ou a saúde mental en persoas maiores de 60 entre outras.

Un dos piares deste programa é a colaboración entre universidades, centros de investigación e entidades sociosanitarias. Aarón afirma que esa rede axuda a enriquecer os estudos: “cos anos que leva Alume traballando xa temos unha rede de profesionais que mellora coa súa mirada as nosas investigacións”. Este traballo en rede permite compartir coñecementos e avances no campo da saúde mental e mellorar así a efectividade das intervencións. Tamén se lle da especial importancia a divulgación. Por iso se organizan congresos, publicacións e formacións que difundan os resultados das investigacións, favorecendo así a creación de redes de traballo e contribuíndo á mellora na atención á saúde mental.

“As persoas son parte fundamental do coñecemento”

A participación das persoas con problemas de saúde mental dentro do programa Impulsa é fundamental. “Hai que romper a idea de que as persoas son obxectos de estudo. Son parte fundamental do coñecemento”, indica Aarón. Asegura que a información parte das persoas usuarias, dos seus testemuños e da súa experiencia. Por iso garanten que esa participación sexa voluntaria, anónima e confidencial e que lles permita ser partícipes de investigacións que redundan nunha mellor atención para elas.

O programa “Impulsa” pretende non só mellorar a atención das persoas con trastornos mentais graves, senón tamén ofrecer unha base sólida de coñecemento que poida transformar a práctica clínica e fomentar a investigación en saúde mental en Galicia.

 

Se queres coñecer máis sobre o programa, Aarón Agudo explícao polo miúdo nesta entrevista.

 

 

O programa “Impulsa”  é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.

Share