No marco do proxecto “In-formándonos: A autonomía é un dereito”, encamiñado a dotar ás persoas con enfermidade mental da información e as ferramentas necesarias para que poidan facer, nos seus territorios e asociacións, un labor de acollida e acompañamento a outras persoas afectadas, celebrouse, na sede da Confederación FEAFES, en Madrid, o curso “Informando en primeira persoa”.
A esta acción formativa asistiron 20 persoas con problemas de saúde mental vinculadas a 12 federacións e asociacións uniprovinciais da rede asociativa FEAFES, entre as que se atopaba o representante do Comité Galego de Persoas con Enfermidade Mental, Carlos García, que valorou moi positivamente o curso e a súa intención final, “empoderar ás persoas con enfermidade mental para que formen parte activa de todos os procesos”.
“A actividade levouse a cabo de xeito activo e participativo, para favorecer o intercambio de ideas a través do debate, a reflexión e as dinámicas grupais,” segundo explica José Luis Méndez, técnico do servizo de Información e Formación da Confederación FEAFES.
Nos dous días que durou o curso, os alumnos puideron identificar os dereitos das persoas con discapacidade e os aspectos clave relacionados co concepto de cidadanía. Conceptos importantes porque, en palabras de Javier Díaz Muñoz, técnico da área de Proxectos e Estudos da Confederación FEAFES, para as persoas con problemas de saúde mental participar nas decisións sobre a atención social e sanitaria continuada que poidan necesitar, é de suma importancia. É o mellor xeito de sentir que viven unha vida como a dos demais, e facilita moito a recuperación ante os problemas de saúde mental”.
Neste sentido, Gabriel Díaz Ladrero, representante da asociación navarra ANASAPS no Comité de Persoas con Enfermidade Mental da Confederación FEAFES, e encargado de impartir parte da formación, destacou que “a participación -a nosa e dos membros das asociacións- é fundamental para a nosa recuperación como enfermos. O máis importante deste curso é que damos un paso máis para que os usuarios poidan participar, asumir a súa propia enfermidade e ser capaz de transmitir o aprendido tamén a toda a xente das asociacións”.
Máis alá da formación, e tamén dentro do programa “In-formándonos: A autonomía é un dereito”, a Obra Social “la Caixa” colabora cos servizos de información e formación, asesoría xurídica e documentación que a Confederación ofrece ao público de xeito continuado. Estes recursos, concibidos para ser a porta de entrada á rede asociativa, ofrecen información completa, actualizada e adecuada sobre todo o relativo ao ámbito da saúde mental, así como sobre os dereitos daquelas persoas con enfermidades deste tipo e apoio para exercelos e reivindicalos.